BNG, ERC e EH Bildu reclaman salarios mínimos propios para Galiza, Euskadi e os Països Catalans
O Bloque Nacionalista Galego (BNG), Esquerra Republicana e EH Bildu defenderon nunha declaración conxunta a necesidade de avanzar cara a creación de salarios mínimos propios adaptados ás realidades socioeconómicas de Galiza, Euskadi e os Països Catalans. As tres organizacións sinalan que a reivindicación dun salario mínimo territorializado leva anos presente nas súas sociedades e no movemento sindical. Segundo indican, trátase dunha demanda “xusta e necesaria” para que a clase traballadora das súas nacións poida contar con salarios mínimos acordes ás condicións económicas e laborais de cada territorio.
Na declaración, as formacións soberanistas lembran que a proposta foi defendida de maneira reiterada por sindicatos como ELA, LAB, CIG, Intersindical Catalá, Intersindical Valenciana, IAC e STEI, e subliñan que comparten o obxectivo de avanzar cara “parámetros de dignidade e suficiencia nas condicións laborais básicas”.
As tres organizacións critican o actual modelo de fixación do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), estabelecido de forma uniforme para todo o Estado. Ao seu xuízo, este sistema “ignora as substanciais diferenzas” existentes entre territorios no ámbito socioeconómico e laboral, o que acaba xerando unha situación desigual en termos de capacidade real do salario mínimo para garantir condicións dignas.
Neste sentido, advirten de que a existencia dun único SMI estatal implica “unha equiparación á baixa das condicións laborais” para milleiros de traballadores e traballadoras nas súas nacións. Pola contra, consideran que a adaptación territorial permitiría responder mellor ás realidades económicas de cada territorio.
BNG, ERC e EH Bildu comprométense así a abrir conversas e negociacións políticas co obxectivo de modificar o modelo actual e permitir que os seus territorios poidan estabelecer salarios mínimos propios. A intención, segundo explican, é que estas contías poidan situarse “por enriba do salario mínimo estatal” e garantir “limiares de suficiencia e dignidade” para as persoas traballadoras.
