28-M

Eólicos e despoboamento, no albo

As comarcas de Valdeorras, Viana, Verín, Terra de Caldelas e Terra de Trives suman 29 concellos e 62.044 habitantes. Verín e Valdeorras son as máis poboadas e puxantes da zona, no primeiro caso con oito concellos e 24.775 habitantes e en Valdeorras con nove concellos de máis de 25.000 habitantes. As irmás pequenas son a comarca de Caldelas, con catro concellos e 2.754 habitantes, a de Viana con outros catro municipios e 5.471 residentes. Trives ten catro localidades e un padrón de 3.850 persoas. Estamos no extremo sueste da Galiza, onde o rural e a industria extractiva, nomeadamente da lousa, teñen un claro protagonismo.
As comarcas de Terra de Caldelas, Terra de Trives, Valdeorras, Verín e Viana ante o 28-M (Foto: Nós Diario).
photo_camera As comarcas de Terra de Caldelas, Terra de Trives, Valdeorras, Verín e Viana ante o 28-M (Foto: Nós Diario).

A comarca de Valdeorras sofre de despoboamento, nos últimos 10 anos perdeu 10% da súa poboación. Segundo os informes da Xunta da Galiza os problemas máis graves están nos pequenos e medianos concellos comarcais: O Bolo, Carballeda, Rubiá e A Veiga. A economía da zona está monitorizada pola actividade de extracción e transformación de lousa, pero a caída da construción nos últimos anos mermou tamén esta actividade. 

Nas grandes vilas da comarca o sector servizos ten tamén cifras considerábeis como abastecedor da poboación e as empresas, chegando a ocupar o 46% da poboación da comarca. A industria da lousa, aínda así, duplica a media de ocupación ourensá nun só sector, concentrando 48% da actividade. 

A economía compleméntase no caso do sector primario co viño e a castaña, dous produtos da zona con recoñecementos, dun lado a Indicación Xeográfica Protexida, e no caso do viño a Denominación de Orixe Valdeorras.

A comarca de Viana sofre un problema común a moitas zonas do país: moita extensión de terreo e despoboamento. Os catro concellos da comarca teñen unha extensión total de 746 km2 (é máis grande que Singapur) e a poboación é de pouco máis de 5.000 habitantes (en Singapur viven máis de 5,6 millóns de persoas). Comparativas internacionais á marxe, entre os problemas desta comarca atópase a falla dun centro urbano dinámico e con actividade económica.

Terra de Caldelas padece o mesmo mal, son pouco máis de 2.700 habitantes en catro concellos para unha extensión de 431 km2. Tanto nesta comarca como na de Viana, a agricultura e a gandaría son a principal actividade económica. 

Só proxectos eólicos

Fronte aos desafíos de futuro, a única resposta das Administracións foi acelerar os trámites aos proxectos de parques eólicos auspiciados por empresas foráneas que viron no territorio baleiro unha oportunidade de negocio. O problema é que a pesar dos inxentes beneficios destas empresas, que na zona estarían entre 64 e 135 millóns de euros ao ano, isto non corrixiría o problema territorial desta comarca, segundo xa lle advertiu reiteradamente á Xunta o Observatorio Eólico da Galiza. No caso de Trives e Valdeorras, están en tramitación Neboada, Xeada, Treboada, Ventumelo e Orballeira, parques eólicos con nomes moi galegos pero pertencentes a empresas que nada teñen que ver coa Galiza, máis ben teñen que ver con capital estranxeiro e sociedades creadas ad hoc por investidores como o tenista español Rafa Nadal.

O investimento nestes parques chega aos 180 millóns de euros, para instalar 216 MW, que se sumarán á potencia que xa xeran nestas zonas os aproveitamentos hidráulicos (166 MW) desde hai décadas. O investimento millonario e os beneficios non van reverter nos concellos afectados. 

O Observatorio Eólico da Galiza asegura ao respecto que este modelo “non abre oportunidades no rural nin mellora os servizos. O modelo aplicado até agora deixa o rural sen as compensacións requiridas, trátase de solucións aceleradas con capital alleo e aparentemente especulativo que o que provoca son máis inxustizas a nivel local”.

A situación é moi semellante na comarca de Trives, afectada tamén por aproveitamentos hidráulicos que lonxe de dar beneficios mesmo teñen provocado demandas de Gobernos locais como Manzaneda á Rede Eléctrica Española (REE) polas liñas de alta tensión. Manzaneda é o concello que achega unha nova fonte de ingresos e actividade á zona, pola estación de esquí, a única de toda Galiza, que xera turismo non só de neve senón tamén de montaña e natureza.

Comarca de Verín: a esperanza do turismo 

A comarca de Verín está máis poboada pero as expectativas de futuro son as mesmas que no resto da contorna. Desde a década dos 80, perdeu perto da metade da súa poboación, e a economía local só conta cos aproveitamentos hidráulicos e eólicos, nun 12% co sector agrogandeiro e o resto, en ausencia de industria, centrado nos servizos e no turismo. 

Verín, Laza e Oímbra abandeiran cos seus entroidos a oferta turística, complementada con espazos naturais, a Vía da Prata e o feito de ser punto de encontro entre a A-52 e a A-24 portuguesa, como vía de conexión co norte de Portugal.

Os alcaldes reclaman máis servizos para fixar residentes

Os alcaldes Rafael Pérez (A Mezquita), Alfredo García (O Barco) e Manuel Cardoso (Vilardevós) (Foto: Nós Diario).
Os alcaldes Rafael Pérez (A Mezquita), Alfredo García (O Barco) e Manuel Cardoso (Vilardevós) (Foto: Nós Diario).

En conversa con Nós Diario, o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez (BNG), aposta por gobernos que a partir do 28 de maio leven a cabo na comarca proxectos en común. “Temos que saír da asfixia económica”, di o nacionalista, e centra un dos obxectivos principais en fixar poboación. 

Para iso, A Mezquita leva a cabo iniciativas como a rehabilitación de vivendas para aluguer, e o resultado é positivo. O alcalde asegura que “fixemos tres e están alugadas, e a xente pide máis, hai demanda de vivenda”. Este concello é ademais o único da comarca onde aumenta a matrícula escolar, pero Rafael Pérez asegura que para atender a poboación fan falla servizos básicos como a sanidade pública, e critica que no centro médico “non hai pediatra e estamos compartindo a médica coa Gudiña”.  O rexedor nacionalista ten claro que o futuro pasa por facer do rural “un modelo de calidade de vida”. 

Ao respecto dos proxectos eólicos que están a proxectarse para a comarca, o alcalde da Mezquita asegura que o concello non ten comunicación oficial algunha ao respecto, pero sabe que o desenvolvemento dos eólicos “é unha arma de dobre folla, non estamos en contra pero non aceptamos as condicións que impoñen as grandes empresas, queremos que os beneficios revertan na poboación e no territorio”.

Alfredo García Rodríguez, alcalde do Barco de Valdeorras (PSdeG), é a sétima vez que concorre ás municipais no seu concello. Está xubilado pero non pensa deixar a política activa porque, afirma, aínda ten moitos proxectos para O Barco. Sostén que o seu municipio está modernizado e conta con servizos propios, pero aposta por unha “segunda transformación” do Barco aumentando servizos e calidade de vida para as veciñas e os veciños. O Barco de Valdeorras é, con diferenza, o concello máis poboado da comarca, con máis de 13.300 habitantes, e ten unha industria no sector extractivo, nomeadamente na lousa, que ofrece emprego e fixa poboación. Pero a poboación precisa máis e mellores servizos, unha Administración áxil e resolutiva, e situar a cabeceira da comarca coma un auténtico motor a todos os niveis.

O alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso (PP), non repite como candidato nestas eleccións do 28 de maio. Deixa a Alcaldía logo de 12 anos de maiorías absolutas e ocupará a cabeza de lista Adriana Álvarez. Como alcalde, a Cardoso tocoulle vivir en agosto do ano pasado un dos peores incendios rexistrados na zona, coa A-52 e a estrada nacional cortadas e o lume perto das casas. A UME salvou as vivendas pero todos lembran vivir “un inferno”. Nos seus 12 anos como rexedor, Cardoso destaca a importancia dos servizos públicos, algo que segue a ser unha prioridade para Vilardevós e toda a comarca.

Comentarios