Endesa será sancionada polo acontecido no rio Eume

A empresa eléctrica deberá responder pola turbidez do río Eume segundo anunciou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez no Parlamento. BNG e PSOE criticaron a actuación da Xunta e pediron unha solución definitiva ao problema.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez (Nós Diario)
photo_camera A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez (Foto: Nós Diario)

O expediente a Endesa polo episodio de turbidez no río Eume por mor da xestión do encoro segue en tramitación e "analizarase o alcance da sanción", en palabras da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

Así se pronunciou nunha comparecencia no pleno do Parlamento na que tamén reivindicou modernizar "en tres semanas" a estación de tratamento de auga potábel de Pontedeume, "para garantir a calidade da auga a todos as veciñas e os veciños", algo que o alcalde "non fixo" porque "non foi capaz". 

Por parte dos grupos con representación no Parlamento, o deputado do BNG Ramón Fernández exixiu á conselleira un proxecto con "ambición" que pase pola "recuperación e dinamización" da zona, que, segundo dixo, está afectada pola actividade mineira de anos.

O episodio de turbidez foi, na súa opinión, a "crónica dun desastre anunciado". Por este motivo preguntou se "vai exixir unha solución definitiva ou será un novo parche?", preguntoulle, en alusión a Endesa. Neste sentido, pediu tamén unha auditoría sobre o estado do río e a "obrigada participación" da compañía, "que debe asumir os custos". 

Desde o PSOE, o deputado Pablo Arangüena acusou á titular de  Infraestruturas de "desvergoña" e "elusión de responsabilidades", tras os reproches desta ao alcalde de Pontedeume.

"Que desvergoña e que cara máis dura!", exclamou nun momento da sesión. Respecto diso, chamou a atención sobre que o río é "o núcleo" do parque das Fragas do Eume e "non é unha infraestrutura nin pode ser tratado como tal". 

Por último, o popular Martín Fernández Prado defendeu o "compromiso" da Xunta diante a problemática de  turbidez do río Eume.

Comentarios