Rueda rebaixa o orzamento 'real' para Educación, Industria e Medio Ambiente
O proxecto de Orzamentos da Xunta da Galiza para 2026, aprobado na pasada sexta feira polo Goberno galego en xuntanza extraordinaria, chegou esta segunda feira ao Parlamento da Galiza para o seu debate. Unhas contas que plasman un recorte do investimento real para o vindeiro ano en varias consellarías de peso.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, definiu esta segunda feira os orzamentos da Xunta da Galiza para o ano 2026 como "a folla de ruta para dar resposta ás necesidades da cidadanía". Aténdose a tal definición, o proxecto de orzamentos daría por sentado que as necesidades da cidadanía galega para o vindeiro ano necesitan unha 'rebaixa' en campos como Educación; Economía e Industria; Emprego, ou Medio Ambiente, por citar só algúns dos departamentos do Goberno galego que en 2026 van ter un orzamento real inferior ao do actual exercicio. Estas consellarías —canda outras como Mar, Medio Rural ou Vivenda e Infraestruturas— teñen asignada no proxecto de contas para 2026 unha partida económica que vai ficar por baixo das que dispoñen neste 2025 unha vez que estas se "revalorizan" con base na suba da inflación nestes 12 meses. Un exemplo significativo é o da Consellaría de Educación, que contará en 2026 con 3.041.200.000 euros; un 1,4% máis que agora, incide a Consellaría de Facenda —porcentaxe que, en todo caso, fica por baixo dese 2% de incremento de media nas Contas para 2026 que anuncia o Executivo presidido por Alfonso Rueda—.
Os orzamentos de Educación para este ano son de 3.085.000.000 euros. O aumento actual da inflación, segundo os últimos datos interanuais do Instituto Nacional de Estatística, foi de 2,9% en setembro na comparanza co mesmo mes do exercicio previo. Unha revalorización dos orzamentos de Educación para 2025 actualizados coa inflación farían que as contas para 2026 de Educación—para representar o mesmo investimento real— terían que ser de 3.129.394.000 euros, o que representa 44,3 millóns de euros máis que os que se recollen no proxecto que esta segunda levou Corgos ao Parlamento da Galiza. Unha mingua de recursos que acorda o Goberno galego, ademais, nun contexto de vaga de protestas, mobilizacións e denuncias na comunidade escolar polos recortes en persoal docente e a precarización do ensino público.
E esta dinámica, o recorte en orzamento real, repítese en boa parte das consellarías para 2026. Miguel Corgos intentou xustificar os importantes recortes nalgúns departamentos (9,9% en Medio Ambiente e Cambio Climático) na fin dos mecanismos da Unión Europea de financiamento extraordinarios que se despregaron con carácter plurianual con motivo da pandemia da Covid-19 e que chegan agora á súa fin.
No caso da Consellaría que dirixe Ángeles Vázquez o recorte no seu orzamento é aínda maior de se aplicar a actualización do IPC, pois en 2026 tería 20 millóns de euros menos de investimento real do que agora. Algo que sorprende nun departamento que nestes anos foi mascarón de proa do Executivo para 'publicitar' as súas políticas contra o cambio climático, con normativas como a nova Lei do clima da Galiza, recentemente remitida ao Parlamento.
Economía e Industria
O de Economía e Industria é outro dos departamentos que verá reducidos os seus fondos para o vindeiro ano. Tiña 374,4 millóns de euros en 2025 e vai ter 357,6 millóns en 2026, o que supón case 17 millóns menos (-4,5%). Un recorte sen ter en conta a actualización do IPC, pois entón aumentaría esa fenda nas contas até os 27,6 millóns de euros. Fica pois sen parte do músculo financeiro público unha área económica determinante para o desenvolvemento económico e industrial da Galiza nun momento de fortes retos para o sector, como os formulados pola descarbonización ou os novos escenarios da automoción e do naval.
Con esa "revalorización" dos orzamentos de 2025, as partidas que a pasada sexta feira aprobou o Goberno presidido por Alfonso Rueda para 2026 tamén van ser inferiores para as consellarías de Cultura, Lingua e Xuventude (-851.400 euros), Vivenda e Planificación de Infraestruturas (9,6 millóns menos, nomeadamente nas infraestruturas) ou nos departamentos ligados aos sectores produtivos primarios. Así, Medio Rural terá ao seu dispor ao redor de 14 millóns de euros menos en orzamento real en 2026, mentres que Mar verá concretada esa rebaixa en algo máis de 1,5 millóns. Os diferentes sectores que poden ter de referencia estes dous departamentos —agro, gandaría, forestal, pesca e marisqueo, acuicultura tradicional— atravesan momentos clave no seu desenvolvemento actual e futuro e nos que a cobertura das administracións públicas (por exemplo, na cobertura contra a mortaldade dos bivalvos ou nas diferentes pragas no gando e nas árbores) é fundamental.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, tamén avanzou esta segunda que a Xunta deixará de ingresar 793 millóns de euros nos orzamentos de 2026 polo "impacto de beneficios fiscais, o que supón un incremento de 5,59% respecto ás contas de 2025". Son perto de 800 millóns de euros que a Administración galega vai deixar de recadar con base en decretos e normas aprobadas coa finalidade, di Corgos, de que "a Xunta prefire deixar de ingresar [estas contías] para que revertan nas familias e nos fogares". Entre elas, por exemplo, diversas bonificacións ás compras de libros de texto, medida que o Goberno adopta para evitar volver á gratuidade universal que había durante o Goberno de coalición de PSdeG e BNG (2005-2009).
A parte que se destina ao pagamento da débeda sobe en máis de 95 millóns
O proxecto de Orzamentos para 2026 da Xunta da Galiza prevé unha partida para facer fronte ao pagamento da débeda de 1.858.585.440 euros, o que supón que no vindeiro ano se destinarán a tal fin 95 millóns de euros máis que no presente exercicio, 2025 (1.763.489.507 euros). O pagamento da débeda é a terceira partida máis grande das contas para 2026, só superada por Sanidade (5.640 millóns) e Educación (por riba dos 3.000 millóns de euros). Destínase máis ao pagamento da débeda pública que aos fondos que se asignan ás políticas sociais, a "área de políticas de acción e promoción social", que fica en algo menos de 1.500 millóns. Malia este peso e o seu condicionamento do Orzamento que supón, a Xunta da Galiza continúa a rexeitar a condonación de 4.010 millóns de euros da débeda ofrecida polo Goberno estatal —medida pactada no seu día polo BNG e o PSOE no acordo para investir Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado—. De feito, o Goberno galego acordou na súa xuntanza do 6 de outubro presentar alegacións contra o anteproxecto de lei de condonación da débeda, abrindo a porta a recorrer á vía xudicial.
O Goberno galego vai camiño de destinar entre os anos 2020 e 2026 ao redor de 11.000 millóns de euros a pagar a súa débeda. Ás xa mencionadas cantidades de 2026 e 2025 hai que engadir as partidas para pagamento do endebedamento das contas de 20204 (1.511 millóns de euros), 2023 (1.309 millóns), 2022 (1.326 millóns), 2021 (1.671 millóns) e 2020 (1.642 millóns).