A Xunta empregará a lei de acompañamento aos orzamentos para "priorizar" os eólicos sobre a preservación das paisaxes

Parque eólico Malpica, no concello homónimo, comarca de Bergantiños. (Foto: Statkraft)
O texto presentado esta segunda feira expón máis de medio centenar de cambios entre leis e decretos.

A lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos introduce cada ano unha longa listaxe de modificacións normativas, unha práctica que a oposición sempre reprocha, ao interpretar que o Goberno galego utiliza este mecanismo "de modo espurio" e como "porta de atrás" para introducir cambios importantes sen o debate que implicaría facelo da maneira ordinaria.

O texto presentado esta segunda feira expón máis de medio centenar de cambios entre leis e decretos. En concreto, 37 leis veranse modificadas no momento en que a Cámara galega de por aprobados os Orzamentos da Xunta da Galiza para 2026 no mes de decembro.

O groso dos cambios nos últimos anos estivo vinculado co desenvolvemento da enerxía eólica, onde a Xunta se topou co bloqueo xudicial desde o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). E neste caso volve repetirse esta tendencia, pois o Goberno galego, a través da lei de acompañamento, modificará a lei de protección da paisaxe da Galiza, do 2008, engadindo unha disposición pola que pasa a considerarse que a instalación de parques eólicos "é compatíbel cos obxectivos de calidade paisaxística" recollidos nas Directrices da Paisaxe da Galiza.

Así, o cambio normativo só considerará que haberá impacto paisaxístico crítico "nos casos excepcionais nos que a instalación de aeroxeradores en áreas de especial interese paisaxístico produza unha perda permanente da calidade das condicións ambientais", nos que non haxa "posíbel recuperación tras o cesamento da actividade, mesmo coa adopción de medidas protectoras ou correctoras".