As edís e o edil expulsados do PSOE compostelán reclaman xustiza tras a caída de Cerdán: "Nós non incumprimos ningunha norma do partido"

Marta Álvarez, Mercedes Rosón, Mila Castro e Gonzalo Muíños, concelleiras do PSdeG expulsadas do grupo municipal chegan á vista coa dirección do PSOE, o 9 de maio de 2025, en Santiago de Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)

Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez piden a revisión das súas expulsións, asinadas por Santos Cerdán, tras denunciar "afiliacións masivas de dubidosa legalidade" e un proceso "inxusto e manipulado" na agrupación socialista de Santiago.

As concelleiras e o concelleiro non adscritos do Concello de Santiago de Compostela —Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez— veñen de anunciar que solicitarán a revisión dos seus expedientes de expulsión do PSOE, logo da recente dimisión do secretario de Organización federal, Santos Cerdán, quen asinou a súa saída do partido.

Nun comunicado, lamentan "a imaxe decepcionante" que está a proxectar o seu antigo partido e denuncian "presuntas prácticas que se sitúan nas antípodas da exemplaridade política". Sinalan, ademais, que a súa expulsión foi ratificada por só dúas persoas do Comité de Ética e Garantías, sen convocar o órgano completo, e cunha "celeridade" que contrasta coa situación doutros militantes como José Luís Ábalos.

Ante a auditoría interna anunciada por Pedro Sánchez e a posibilidade de revisar as actuacións de Cerdán, avanzan que remitirán unha nova carta ao secretario xeral do PSOE para solicitar a revisión dos seus expedientes e alertar sobre as "irregularidades" no proceso de tramitación, así como na elección do secretario xeral local, Aitor Bouza Manso, e da súa Comisión Executiva Municipal.

As edís denuncian que antes da elección desa Executiva se produciu unha "afiliación masiva de dubidosa legalidade" con 35 altas e traslados á agrupación compostelá, o que supuña máis do 10% do censo e alteraba, segundo explican, os equilibrios internos do partido. Esta situación foi comunicada a Ferraz pola secretaria de Organización local saínte, Carmen Fernández Morante, pero nunca recibiu resposta.

Aseguran que estas afiliacións foron impulsadas por Bouza Manso e Marta Álvarez-Santullano, e que tanto o instrutor do seu expediente, Moisés Rei, como o secretario provincial, Bernardo Fernández, como Santos Cerdán, eran coñecedores da situación. Afirman que Fernández chegou a dicir: "Me importa un huevo quedarme sin Grupo Municipal Socialista en Santiago", unha frase que consideran "obscena" e que "remite aos audios que se están coñecendo" noutras polémicas estatais.

Denuncian tamén que Santos Cerdán foi informado destas irregularidades a través das alegacións presentadas ante Ferraz, mais "en ningún caso considerou relevante investigar", o que pon en dúbida, segundo afirman, a lexitimidade da actual dirección local do partido.

Para as catro edís, o obxectivo de Bouza Manso desde a súa chegada foi "relegarnos ao ostracismo político" e forzar a súa expulsión para poder acceder el mesmo á Corporación. "Non incumprimos ningunha norma do partido", defenden, e afirman actuar desde a "convicción socialista e democrática", rexeitando unhas prácticas que consideran "vergoñentas" e que "reforzan unha imaxe decepcionante afastada da rexeneración democrática que a cidadanía exixe".