Renuncia a directora xeral de Patrimonio Cultural, asinante dun informe favorábel a Altri e á súa cheminea "icónica"

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, en comisión parlamentaria. (Foto: Mónica Arcay Carro)
María Del Carmen Martínez Ínsua deixa un cargo que asumiu hai 12 anos.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, vén de presentar a súa dimisión. Segundo avanzou El Correo Gallego, o seu cesamento será ratificado esta segunda feira no Consello da Xunta e publicado no Diario Oficial da Galiza.

Martínez Ínsua foi a asinante do informe de Patrimonio Cultural para o proxecto que a multinacional lusa Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa). Nese documento a Xunta asume a proposta da pasteira lusa para converter a cheminea de 75 metros da factoría que proxecta Altri "nunha icona", pintada de cores que "se mimeticen coa contorna", como verdes, marróns ou grises, mais tamén adornada con "elementos decorativos ou artísticos que a convertan nun elemento icónico en lugar dunha intrusión visual".

María del Carmen Martínez é funcionaria dos corpos Superior da Administración da Xunta e de Xestión da Xunta desde 1993. Iniciou a súa carreira administrativa na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas e, entre outros cargos, tamén formou parte da Consellaría de Agricultura, Gandería e Montes.

O 1 de febreiro de 2013 tomou posesión como directora xeral de patrimonio, polo que deixa o seu cargo despois de 12 anos no posto.