O Día da Patria Galega suma miles de persoas "en marcha pola soberanía"

O BNG volta a abarrotar a emblemática praza da Quintana nun 25 de Xullo no que se reivindicou como "a casa común dos galegos e galegas".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esta sexta feira, na praza da Quintana. (Foto: Arxina)
Miles de perspas participaron na manifestación do BNG. (Foto: Arxina)

O Día da Patria Galega voltou esta sexta feira, un ano máis, a reunir  en Compostela miles de persoas. Unha afluencia que se deixou notar en rúas e prazas da capital desde as primeiras horas do día. Bandeiras, faixas, gaitas, pandeireitas, camisolas con todo tipo de reivindicacións e causas... "É un día de afirmación nacional e de loita, mais tamén de festa", sinalaron a Nós Diario  antes de que arrincase desde a Alameda a manifestación convocada polo BNG Saínza, Mónica e Oliva, de Arzúa (comarca homónima). Tres mulleres que fan parte da maré de persoas que desembarcaron en Compostela procedente de diferentes comarcas do país.

A manifestación nacionalista principiou pouco despois das 12 horas, precedida polo bruar dos gaiteiros e dos bombos de Tomiño (O Baixo Miño) que abriron a marcha multitudinaria, que decorreu este ano co lema 'Galiza Sempre! Unha nación en marcha pola soberanía'. As consignas, presentes desde o inicio, xa non pararon até a fin da mobilización. Hainas que se manteñen desde hai décadas —"Galiza ceibe, poder popular"; "Que queiran que non Galiza é unha nación"— e tamén máis novas, apegadas aos conflitos e as loitas actuais —"Altri Non!"—. 

patria3
Ana Pontón na Quintana. (Foto: rxina)

Unha bandeira da Patria xigante fixo de mascarón de proa da manifestación que avanzou polacapital entre aplausos de xente congredada nas beirarrúas e a estrañeza dalgún que outro turista –"Pero... hoxe non é o patrón de España?"–. Música, cánticos e reivindicación animáronse a medida que a mobilización avanzaba e se adentraba na zona vella. Alcaldes, alcaldesas e edís de toda Galiza marchaban tras a faixa que dicía 'Por unha Patria soberana', e as delegacións internacionais cun 'Pola soberanía dos pobos' á fronte.

Defensa da lingua e do territorio, feminismo, internacionalismo, conflitos laborais... na manifestación do BNG estaban esta sextapresentes faixas de loitas e de reivindicacións ao longo e largo do país. Sandra e Sabela, da parroquia compostelá de Marantes, reafirmaban a súa presenza na mobilización en que "nos encanta o noso país". Caramuxo, Arturo e Carlos —de Cangas (O Morrazo), de Allariz (comarca de Allariz-Maceda) e de Navia, na Asturias galegofalante, respectivamente— recalcaron durante a marcha que "sempre é importante reivindicar a Galiza e, sobre todo, o noso idioma; é relevante todos os días, mais hoxe aínda máis".

A Quintana encheuse antes de que comezasen a tomar a palabra as oradoras e mentres a manifestación aínda seguía entrando na zona histórica da cidade. No alto das escaleiras da praza, a réplica exacta da faixa co rostro de Castelao que o BNG pendurou alí en 1984, en resposta á "aldraxe" da traída dos restos de Castelao. O ano, ademais, en que o nacionalismo volveu entrar na zona histórica compostelá após serlle negado o acceso polas autoridades gobernativas  españolas durante os catro anteriores. 

A secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, deu a benvida ás persoas presentes. "Estamos aquí, orgullosas da nación viva que somos", afirmou, antes de agradecer a presenza das máis de 20 delegacións internacionais convidadas, onde a mención da FPLP palestina foi a máis vitoreada polas miles de persoas presentes, entre berros de "Palestina vencerá!" e a emoción contida de Fayed Badawi —representante da organización—. A maiores, unha longa lista de organizacións galegas que se sumaron á mobilización do BNG, desde Anova até a ecoloxista Adega, pasando pola estudantil Erguer, pola plataforma Vía  Galega ou diferentes colectivos de defensa do territorio, entre outras.

patrai2
Faixa xigante co rostro de Castelao, como a posto nese mesmo lugar en 1984. (Foto: Arxina)

"A casa común"

A portavoz nacional, Ana Pontón, proclamou neste Día da Patria que Galiza "é unha nación pola que merece a pena loitar”, e por iso o BNG volvía mobilizarse non só para conmemorar, senón para renovar “un compromiso, un vínculo e un latexo compartido polos que estiveron antes, os que están agora e os que virán”. "Esta Patria vale a pena defendela", sentenciou, ante unha ateigada praza da Quintana.

"Co sorriso nos beizos e coa man tendida temos que acoller no BNG todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, temos que ir transformando ese enorme amor ao país e esa esperanza nun futuro mellor en consciencia política e en apoio electoral. Ese é o noso labor primordial e o noso maior reto nestes intres históricos que vivimos", destacou na súa intervención. Nestes momentos, dixo, a folla de ruta do BNG ten que pasar por chegar cada día a máis galegos e galegas.

Convidando a pensar unha Galiza "en grande", insistiu na necesidade de "incorporar" máis pobo, logrando que o BNG sexa a "casa común” de todos os galegos e as galegas e cunha referencia expresa ao papel que deben xogar as mulleres. "A sociedade galega cambiou e quere unha Galiza máis dona de seu, máis próspera e máis avanzada. Este cambio profundo é imparábel", sostivo. E contrapuxo o proxecto do nacionalismo ao "deseño centralista que abraza o Goberno do PP, patrocinando a depredación eólica, a megaminaría contaminantes ou as macrocelulosas".

"É mostra de como traizoan os intereses galegos. Venden a Galiza a prezo de saldo e traballan para as empresas amigas", afeou. Unha denuncia que estendeu á crítica contra o xenocidio en Gaza e a "escalada belicista" internacional, para situar como "urxente" a tarefa de defender "a paz, a igualdade entre os pobos e a democracia". O Himno Nacional cantado polos miles de persoas presentes, como todos os anos, puxo o ramo ao acto.

Comentarios