Deputado do PP, a operarias obrigadas a trasladarse 50 Km: "Van á mesma igrexa aos enterros"

CCOO solicita a renuncia de López Crespo por “faltar ao respeto” ás traballadoras da conserveira Calvo, de Esteiro, ao minimizar o dano que provoca o desprazamento forzoso da conserveira

 

conserveiras
photo_camera conserveiras

Durante unha intervención na Cámara autonómica a pasada segunda-feira 4 de decembro, o deputado do Partido Popular, Carlos López Crespo, acusou Comisións Obreiras de “mentir” en relación co encerramento da conserveira do grupo Calvo en Esteiro (Muros). As súas declaracións provocaron a polémica ao tentar minimizar o dano que provocará o traslado forzoso das operarias, obrigadas a ir traballar á planta de Carballo, a máis de cincuenta quilómetros de distancia. 

“Seguen indo comprar ao mesmo supermercado” ou “van á mesma igrexa á misa ou aos enterros” foron algunhas das frases que indignaron moitas das persoas ouvintes. A raíz disto, o secretario xeral de CC OO de Galiza, Ramón Sarmiento, rexistrou un escrito no Parlamento galego un escrito en que esixe a renuncia do deputado do Partido Popular “por inxuriar” o sindicato e “faltarlles ao respecto ás traballadoras” de Esteiro. No documento, Sarmiento tamén solicita unha xuntanza co presidente da Cámara autonómica e insta todos os grupos parlamentarios a “promover a recusación do deputado popular”.

Segundo explican nun comunicado público, CC OO considera “indigno” o proceder de López Crespo, que se amosa “máis preocupado por defender un grupo empresarial” que unha “localidade xa moi castigada” como é Esteiro. 

O día 14 finaliza período de consultas

A próxima quinta-feira 14 de decembro será a derradeira xuntanza que porá fin ao período de consultas entre a empresa e a parte social da planta de Esteiro. Logo disto, a empresa comunicará a súa decisión final respecto ao futuro da conserveira. CC OO defendeu que calquera acordo resultante dese período de consultas sexa tamén sometido á votación de todo o persoal en asemblea. Polo momento, a empresa rexeitou esta observación.

Comentarios