A deputada do PP Noelia Núñez dimite dos seus cargos após a polémica do seu currículo

A dirixente popular Noelia Núñez. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A vicesecretaria popular renuncia aos cargos orgánicos e institucionais tras dar unha “información incorrecta” sobre a súa formación ao Congreso.

A deputada do PP e vicesecretaria nacional Noelia Núñez anunciou a súa dimisión de todos os cargos orgánicos e institucionais após a polémica por falsear o seu currículo.

Núñez admite que deu unha “información incorrecta” sobre a súa formación ao Congreso. “A responsabilidade é a esencia da liberdade e eu asumo a miña. Non, non somos como eles”, escribiu Núñez nunha mensaxe nas súas redes sociais. A deputada renunciará tamén ao seu escano, segundo precisaron fontes do PP citadas por El País.

Inmediatamente após comunicado de Noelia Núñez, Núñez Feixoo usou as redes sociais para pronunciarse sobre este caso. “As leccións de exemplaridade do PSOE non me concernen porque non pode dalas. Moitos dos que atacaron sen piedade a Noelia Núñez conviven sen rubor coa total inmoralidade e a mentira feita persoa”, expresou.

Mentir

Noelia Núñez non é nin politóloga, nin avogada, nin filóloga. É máis, non ten titulación universitaria algunha, feito que de por si non constitúe ningunha invalidación para o exercicio da actividade política.Porén, os estatutos do seu partido (cando non a moral) exixen unha declaración responsábel que manifeste a honorabilidade para acceder a un cargo público, e ela mentiu sobre a súa suposta formación, fíxoo publicamente e fíxoo na súa declaración ante o Congreso e outros organismos.

Ela mesma terminou recoñecendo a última hora desta terza feira que a información dos seus estudos non era certa, aínda que o atribuíu a un erro. “Admito a equivocación que consta na ficha persoal publicada no Congreso dos Deputados sobre os meus estudos”,