Noelia Núñez, deputada do PP no Congreso e membro do equipo de Feixoo en Xénova, admite que non ten as titulacións que declarou
Noelia Núñez, vicesecretaria de Mobilización e Reto Dixital do PP e deputada no Congreso, non é nin politóloga, nin avogada, nin filóloga. É máis, non ten titulación universitaria algunha, feito que de por si non constitúe ningunha invalidación para o exercicio da actividade política.
Porén, os estatutos do seu partido (cando non a moral) exixen unha declaración responsábel que manifeste a honorabilidade para acceder a un cargo público, e ela mentiu sobre a súa suposta formación, fíxoo publicamente e fíxoo na súa declaración ante o Congreso e outros organismos.
Así o recoñeceu a propia deputada popular esta segunda feira pasadas as 11 horas da noite logo dun día cheo de controversia sobre a súa suposta formación, posto que nunca chegou a finalizar ningunha das carreiras universitarias das que dicía posuír unha titulación oficial.
A alto cargo de Alberto Núñez Feixoo en Xénova é (verase se en realidade era) unha figura en auxe no Partido Popular logo de ser unha das figuras promocionadas pola presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, así como polo xefe de gabinete desta, o polémico Miguel Ángel Rodríguez.
"Admito a equivocación que consta na ficha persoal publicada no Congreso dos Deputados sobre os meus estudos", escribiu nunha cadea de 11 mensaxes en redes sociais ás 23 horas da segunda feira despois da controversia xerada polas súas mentiras. "Recalco que foi unha equivocación e que non houbo ánimo algún de engano pola miña parte", engadiu.
O PSOE exixe a súa dimisión
O PSOE exixiu a dimisión de Noelia Núñez, por mentir " de forma reiterada" sobre a súa formación académica, despois de que a última hora desta terza feira recoñecese que non acabou os seus estudos, esgrimindo que "nunca" tivo intención de "enganar a ninguén".
Fontes socialistas sinalaron que a tamén presidenta do PP na localidade madrileña de Fuenlabrada afirmou en varias entrevistas a medios ser licenciada en Dereito, Filoloxía Inglesa ou Ciencias Xurídicas da Administración Pública, mais que "nada diso é certo".
"Non é un erro menor nin unha esaxeración. É unha falsidade consciente e reiterada que vulnera os propios estatutos do Partido Popular, onde falsear o currículo considérase motivo de sanción ou expulsión", lembrou o PSOE recalcando que é "insostíbel" que unha responsábel política manteña o seu cargo "tras enganar sobre a súa traxectoria académica".