Mentir no currículo, un acto sen consecuencias no PP da Galiza: o caso de Nidia Arévalo
Noelia Núñez, vicesecretaria de Mobilización e Reto Dixital do PP e deputada no Congreso, non é nin politóloga, nin avogada, nin filóloga. É máis, non ten titulación universitaria algunha, feito que de por si non constitúe ningunha invalidación para o exercicio da actividade política.
Porén, os estatutos do seu partido (cando non a moral) exixen unha declaración responsábel que manifeste a honorabilidade para acceder a un cargo público, e ela mentiu sobre a súa suposta formación, fíxoo publicamente e fíxoo na súa declaración ante o Congreso e outros organismos.
Con todo, as mentiras sobre o currículo non parecen non ter consecuencias no Partido Popular, ou polo menos non as tiveron para a alcaldesa de Mos (comarca de Vigo), Nidia Arévalo, que alén de continuar como rexedora tamén é senadora.
No ano 2017, na páxina web do PP podíase ler que era licenciada en Químicas, algo que a oposición descubriu que non era certo, o que fixo saltar a polémica polas súas mentiras e motivou que pedisen a súa dimisión por falta de honradez.
Ao igual que rematou facendo Noelia Núñez, a alcaldesa de Mos tivera que recoñecer naquela altura que non acabou a carreira, algo que fixo nunha sesión do pleno municipal, na que afirmou: "Non terminei a miña carreira porque empecei a traballar no Concello. Cal é o problema?".
"Para ser a alcaldesa de Mos, a xente ten que votarte, e niso Gañemos non me chega á sola dos nocellos. Por iso teño maioría absoluta", explicaba Nidia Arévalo tamén naquela altura en declaracións aos medios de comunicación.
As eleccións previas a este escándalo gañáraas Nidia Arévalo e o Partido Popular por maioría absoluta, mentres que no mandato anterior a dita vitoria alzarase co poder grazas ao apoio dun tránsfuga nunha moción de censura.