As Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense aumentan os seus orzamentos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentado os orzamentos esta segunda feira no Parlamento. (Foto: Deputación da Coruña).
Os organismos provinciais presentaron as contas para 2024 no Parlamento galego.

As deputacións da Coruña, Lugo e Ourense presentaron esta segunda feira en comisión parlamentaria os seus orzamentos, coincidindo en mostrar, nos tres casos, aumentos nas contas. A Deputación de Pontevedra, pola súa parte, xa fixera a presentación a semana pasada. 

No caso da Deputación da Coruña, este organismo contará en 2025 co maior orzamento da súa historia ao aumentar 8,3% respecto a 2024, até alcanzar os 240,5 millóns de euros.

As contas, presentadas polo seu presidente, Valentín González Formoso, terán unha investimento "récord" de 105 millóns para municipios, entre o que se atopan 86 millóns do Plan Único, que suporá un aumento de 72% fronte a 2024. O anticipo de convocatorias de subvencións sumará 19,4 millóns, co que se crearán 1.600 empregos. 

A Deputación de Lugo, polo seu lado, sobe o seu orzamento 12% en 2025, até os 130 millóns de euros. O seu presidente, José Tomé Roca, cifrou en 85% a execución de media ao ano no anterior mandato, o que sitúa a Lugo "á cabeza" das administracións locais do Estado español e nunha porcentaxe "máis elevada" que o da Xunta da Galiza.

Ademais, precisou que "máis de 60% do investimento previsto vai ser en concellos gobernados polo PP" e "menos de 40%" en municipios de PSOE e BNG. 

Por último, o orzamento da Deputación de Ourense superará por primeira vez os 100 millóns, cunha alza de 9% en 2025. Anunciouno esta segunda feira o seu presidente, Luis Menorasegurando que, de forma global, haberá 35,1 millóns de financiamento directo para entidades locais. A partida para estradas provinciais, para o ano, aumentará en 3,5 millóns até alcanzar 10,5 millóns no que vai de mandato.