A Deputación de Pontevedra subvenciona un cómic que promove a caza
A Deputación de Pontevedra, presidida por Luis López 'Lugués', tamén presidente do PP pontevedrés, vén de sufragar con fondos públicos —dos que se descoñece a cantidade— unha publicación en formato de banda deseñada que promove a práctica da caza.
"Se non existise, habería que inventala" é o título da publicación subvencionada polo ente provincial, que sufragou a impresión e difusión dunha obra que ten como fin achegar a caza a novos públicos. De feito, o formato elixido para saír do prelo foi a banda deseñada, un xénero popular entre a mocidade.
O cómic, ilustrado pola artista autodidacta Irma Loureiro, foi promovido pola Federación Galega de Caza, co apoio da deputación presidida por López, quen na presentación, a pasada semana na sede do ente provincial, enxalzou a "utilidade" da caza e "os seus beneficios para a natureza".
A publicación, "inspirada na idea orixinal do presidente da Federación de Caza de Pontevedra, Francisco Couselo, defende a "función imprescindíbel" da actividade cinética para a prevención de accidentes de tráfico e para a "protección do territorio". Faino a través dunha historia protagonizada por un grupo de cazadores e por dous ciclistas.
O pasado mes de abril López recibía Couselo na sede provincial para manter unha reunión de traballo en que, segundo informou entón a Deputación, abordaron "asuntos de interese mutuo" e avanzaron na "colaboración entre ambas as institucións para a organización de eventos deportivos". "A Deputación ten a disposición destas entidades unha liña de subvencións para a organización de eventos e competicións deportivas dotada este ano con 550.000 euros e da que a Federación Galega foi beneficiaria en anos anteriores", informou entón o ente provincial.
Prexuízos para os ecosistemas
A pesar de que a Xunta da Galiza e as asociacións de caza defenden a coexistencia da práctica cinexética con outros usos do monte e coa sustentabilidade, as entidades ecoloxistas advirten dos prexuízos que supón, sobre todo nun contexto de cambio climático, para a biodiversidade, os ecosistemas e as persoas que fan "un uso de lecer, educativo e non mortal" do monte galego, como salienta Adega.
Precisamente, o colectivo ecoloxista ten denunciado "a falta de comunicación da práctica da caza ás propietarias do monte, a ausencia de sinalización en actividades cinexéticas, o incumprimento da lei de caza e a falta de estudos poboacionais científicos e rigorosos", o que leva Adega a concluír que a caza "é unha das actividades máis daniñas e perigosas" no rural. Na mesma liña, advirte da "falta de regulación para a convivencia de actividades de uso público no monte galego".
Facilidades e subvencións
O Goberno galego modificou en abril deste ano a normativa para facilitar a obtención da licenza de caza, incrementando a frecuencia das probas, que pasaron de ser convocadas catro veces ao ano a oito veces ao ano, co fin de favorecer a participación de persoas novas na caza.
Unha das liñas prioritarias da Consellaría dirixida por Ángeles Vázquez é, precisamente, a promoción da caza. De feito, o primeiro acto da conselleira relacionado coa vaga de incendios que asolou Galiza este verán tivo como protagonistas os cazadores, a quen lles prometeu, desde Dozón, novas axudas públicas. A proposta de subvencionar a caza en terreos calcinados xerara críticas en diferentes sectores, singularmente entre os axentes forestais e medioambientais que, a través da asociación profesional en que se organizan, afirmaron estar "perplexos".
Tamén resulta notoria a política favorábel do Goberno de Alfonso Rueda á caza do lobo, malia formar parte das especies de interese comunitario e de estar protexido na Directiva Hábitats.

