Denunciar a violencia de xénero non implica a expulsión "aínda que se estea ilegal", lembra o Goberno español
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, instou as vítimas de violencia de xénero a denunciar. Fíxoo tras o minuto de silencio convocado na sede deste organismo para condenar o crime machista de Fadoua Akkar, de 41 anos, e polo que se detivo a un veciño de Moaña, A.C.T, de 47 anos.
O arresto produciuse despois de que o coche no que viaxaban se precipitase ao mar o pasado o sábado, desde o paseo de Domaio. O corpo da muller presentaba polo menos un golpe na cara e o home, tras pasar polo hospital, ingresou en prisión ao recibir a alta. Á espera do resultado da autopsia e preguntado sobre a repatriación do corpo da muller, que chegou a Galiza desde Marrocos, o delegado do Goberno asegurou que se prestará axuda "desde os departamentos que faga falta".
Denuncia sen reparos
Neste sentido, instou a "calquera muller que se sinta agredida e en perigo" a denunciar calquera forma de violencia machista, a pórse en contacto coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, xa que "non vai supor, aínda que estea nunha situación ilegal, unha expulsión", dixo ao ser preguntado sobre a situación da vítima.
"Cando se sinta violentada e ameazada que o denuncie", recalcou en declaracións aos medios de comunicación tras presidir o acto de condena polos feitos, declarados xa como crime machista, e incidiu na importancia de que denuncien, independentemente de cal sexa situación persoal ou legal.
Pedro Blanco tivo palabras de recordo para as mulleres falecidas este ano na Galiza por violencia machista ao tempo que reiterou que o Goberno "non dá nin dará ningún paso atrás para erradicar a violencia contra as mulleres que nos golpeou traxicamente esta fin de semana". Tamén trasladou a solidariedade coa familia da vítima e expresou o apoio á mesma e a todas as mulleres que na Galiza viven ameazadas ou sofren violencia.
O Ministerio de Igualdade elevou a 37 as mulleres asasinadas por violencia de xénero este ano e a 1.281 desde 2003. En 2024 a Galiza suma tres feminicidios, un 8,1% dos casos rexistrados no Estado.
