Incidencias no ‘buzoneo’ de papeletas a cinco días das eleccións
Redondela e Sarria detectaron cadanseu problema no correo electoral de PP e PSdeG.
A cinco días de que a poboación galega escolla as novas corporacións locais, varias formacións políticas denuncian incidencias no reparto de correo electoral que, consideran, poderían ocasionar problemas o propio 28-M.
Así, un erro na empresa contratada para entregar o correo electoral do PP en Redondela (comarca de Vigo), provocou que a veciñanza de Chapela , a principal parroquia do municipio, recibiran no sobre de propaganda electoral dos populares unha papeleta da candidatura do PP de Vilagarcía de Arousa (comarca do Salnés).
Así, veciñas e veciños deste núcleo redondelán recibiron esta terza feira nos seus domicilios un sobre cunha carta asinada polo candidato á Alcaldía, Javier Bas, pedindo o seu voto, acompañada por unha papeleta correspondente á candidatura do mesmo partido en Vilagarcía, encabezada por Ana María Granxa.
O PP de Redondela enviou un comunicado aos medios para informar do erro, que atribúe á empresa de reparto de propaganda. Os responsábeis locais do partido lamentaron o erro, “alleo totalmente” ao PP e á candidatura, e trasladaron as súas desculpas.
En Sarria, papeletas de 2015
Pola súa parte, o PSdeG de Sarria denunciou ante a Xunta Electoral de Zona o reparto de papeletas das eleccións municipais de 2015. Os socialistas interpretan que esta actuación ten a “evidente intención de provocar votos nulos” para este partido o próximo domingo do 28-M.
Así, o PSdeG desta localidade lembrou nun comunicado nas súas redes sociais que o candidato é Benjamín Escontrela, fronte a Pilar Llópez, que era a cabeza da listaxe socialista en 2015.
“Queremos recordar que unhas eleccións son algo moi serio, a máxima expresión da democracia”, sinala o PSdeG, apuntando ademais que “actos de sabotaxe coma este son constitutivos de delitos”. “Na política, non todo vale”, aseveraron os socialistas.