Desde a Galiza até Europa: accións solidarias exixen a fin do masacre en Gaza

Ana Miranda promove na Eurocámara a denuncia “contra os plans obscenos de Donald Trump” na Faixa de Gaza.
Acción de apoio ao pobo palestino decorrida no Parlamento Europeo. (Foto: AFPS)
Acción de apoio ao pobo palestino decorrida no Parlamento Europeo. (Foto: AFPS)

Un grupo de eurodeputadas e eurodeputados, entre eles do BNG, do PSOE, dos Comuns e de Compromís, rexeitaron esta terza feira nun acto do Parlamento Europeo en Estrasburgo os plans sobre Gaza do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Así, exixen á Unión Europea que se implique para conseguir frear o desprazamento imposto para os gazatís.

“Como eurodeputada galega do BNG promovín hoxe no Parlamento Europeo unha denuncia contra eses plans obscenos que ten o presidente Trump de querer expulsar os palestinos da súa terra, de Gaza”, salientou a parlamentaria nacionalista Ana Miranda, tras a acción desenvolvida á entrada do hemiciclo de Estrasburgo e na que participaron eurodeputadas e eurodeputados de até tres grupos políticos europeos: Verdes-ALE, The Left e S&D.

Con carteis nos que se podía ler 'Gaza non está en venda', un grupo de parlamentarios e parlamentarias respondeu ás declaracións de Trump dun plan que trata de facerse co control da Franxa e estabelecer a poboación palestina noutros territorios de forma "permanente", alegando que sería "moito mellor" para os seus habitantes.

Entre eles atopábase a eurodeputada Ana Miranda (BNG), quen apuntou que "Gaza é dos palestinos e non se pode vender. Reclamamos á UE que tome cartas no asunto e defenda a Gaza para os palestinos e que se cumpra o mandato do dereito internacional que prohibe deportacións masivas". Igualmente, tamén destacan os nomes de Leire Pajín (PSOE) , Vicent Marzá (Compromis) e Jaume Asens (Comuns). Este último denunciou que o plan israelí para Gaza consiste en "fuxir ou morrer". "É a alternativa que expoñen Trump e Netanyahu tras xa exterminar o 10% da poboación. Hai unha complicidade clara por parte de Europa neste plan, segue dando axuda financeira, comercial e política a Israel".

Este acto, que congregou representantes dos grupos socialdemócrata e da esquerda, así como de Alianza Libre Europea-Os verdes, foi o preludio do debate parlamentario da tarde desta terza feira en Estrasburgo, o cal está centrado na estratexia da UE para a rexión de Asia Occidental que contará coa participación da comisaria para o Mediterráneo, Dubravka Suica.

Compostela por Palestina

Pero a denuncia da masacre de Gaza sobrepasa a esfera do Parlamento Europeo, e ten, de sempre, unha notábel actividade na Galiza. Deste modo, Compostela por Palestina entregou máis de 1.500 firmas —cunha concentración previa ante a Delegación do Goberno español na Galiza—  ao Goberno para exixir unha solución negociada ao conflito e "a fin do comercio de armas con Israel" por parte do Estado español.

Miguel Fernández, portavoz dun colectivo integrado que está integrado por distintas entidades e asociacións, precisou que reclaman un "proceso de diálogo para garantir o fin da ocupación". Igualmente, apuntou que a recollida de firmas realizouse "por mor da situación de guerra”. O portavoz insistiu en que entre as súas demandas está tamén a de que haxa corredores humanitarios para facilitarmos os recursos básicos á poboación pero tamén que se acometan outras actuacións.

Comentarios