Demite Iolanda P. Docampo e suma xa 6 baixas na Permanente de Anova

A súa decisión súmase á doutras catro persoas que decidiron abandonar a dirección da organización xunto con Martiño Noriega. Nunha carta remitida á Coordinadora nacional asegura que o fai por "convicións éticas". 

iolanda
photo_camera iolanda

No escrito enviado á dirección da formación, Iolanda P. Docampo apunta directamente contra a existencia de "dous polos" --que ela mesma menciona na propia carta-- e visa ser "un chamodo á responsabilidade" fronte a "vellos vicios da política".

Iolanda P. Docampo, que até o momento foi Responsábel de Acción feminista de Anova e voceira da formación en Ourense, acusa á facción de Anova encabezada polo sector máis próximo a Beiras (Luís Eyré e Mario López Rico) de "excluír da dirección da organización" a alcaldes como David Rodríguez (Mazaneda) --quen mantivo a súa condición após ficar coa acta antes da súa escisión do BNG--, deputados como David Calviño ou "referentes nos movementos sociais" como Raul Asegurado --presidente de Fiare Galiza. 

A expulsión de militantes en Redondela

Aliás, Docampo bate con dureza contra algunhas das decisións adoptadas pola dirección política de Anova nas últimas asembleas como a expulsión de 17 militantes de Redondela no que considerou como un "uso discrecional" da Comisión de Ética e Garantías ao non se teren aplicado coa mesma dureza as normas noutras ocascións. Cuestión que a de Ourense subliña en relación a un acontecemento que tería ocorrido na Asemblea nacional contra o tamén militante de Ourense, Paco Trigo, mais que non foi tramitado pola devandita comisión. 

Na súa carta Docampo asegura que o sector máis próximo a Beiras excluíu da dirección política ao alcalde de Manzaneda e o deputado David F. Calviño

Tamén así, amosa o seu rexeitamento á xestión comunicativa que se fixo da substitución de David Fernández Calviño no Pazo do Hórreo. Para Iolanda P. Docampo este foi "o máximo esperpento" de toda unha "secuencia de vellas e escuras formas de facer as couas". Iolanda P. Docampo tilda de "bochornosa" a situación derivada da entrada de Carmen Iglesias no grupo parlamentar de AGE e lembra que esta decisión supuxo o "incumprimento" dos acordos adoptados por organismos de Anova como a "resolución unánime das asembleas de Ourense" e o "acordo na Permanente" con data do día 9 de novembro. 

A entrada de Carmen Iglesias no Hórreo

Porén, Docampo elude responsabilizar ao portavoz nacional de Anova e voceiro parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras, da entrada de Iglesias Sueiro no Parlamento. Cumpre lembrar que é o propio Beiras quen anuncia en comparecencia de imprensa o seu apoio á incorporación de Carmen Iglesias como deputada de AGE mesmo en contra da vontade expresada pola súa socia de coligación, Esquerda Unida, que finalmente expulsou á de Ourense por incumprimento dos estatutos da formación. 

Docampo non menciona a Beiras mais amosa o seu rexeitamento á entrada de Carmen Iglesias no Hórreo

Finalmente, na súa carta, Iolanda P. Docampo apunta á demisión de Martiño Noriega como un catalizador da súa decisión que, sinala, visa ser "un chamado á responsabilidade" para redixir Anova. Neste senso, asegura que estará "á disposición" da formación "na revisión deste modelo" na procura de "vehiculizar un novo proceso de rexeneración" e "construción político-social". 

Coa demisión de Iolanda P. Docampo, a Coordenadora Nacional de Anova perde 6 integrantes e fica con 13 dos seus membros. 

Comentarios