Delegado do Goberno acusa a Jorquera de manipular politicamente o despexo de Aurelia e pídelle ao BNG unha condena clara de RG

Carga policial no despexo de Aurelia

Samuel Juárez afirma, nunha entrevista en La Voz de Galicia, que no expediente aberto ao portavoz parlamentar nacionalista a policía “aturou acometidas de bárbaros”. Aliás, sinala que cando goberna o PP "hai partidos interesados en incendiar a rúa" e di que Resistencia Galega comparte obxectivos con "grupos políticos".

Samuel Juárez, delegado do Goberno en Galiza, afirma que o expediente aberto a Francisco Jorquera e outras sete persoas pola oposición ao despexo de Aurelia é de lei. Acusa o portavoz parlamentar do BNG de “manipulación de intencionalidade política” aproveitando o caso “dunha señora maior, que está soa”.

Nunha entrevista en La Voz de Galicia, Juárez sinala que a comisión xudicial que ía executar o desafiuzamento de Aurelia atopouse “cunha algarada na rúa”, “con violencia cara á policía”, e mesmo que a policía “máis que cargar, defendeuse” porque, afirma, “no despexo de Aurelia a Policía aguantou acometidas de bárbaros”.

“Hai partidos que intentan incendiar a rúa”

Samuel Juárez nega na citada entrevista que haxa actuacións “represivas” ou de vulneración e recortes de “dereitos sociais”, e atribúe esas acusacións a “tópicos” que sempre saen cando goberno o Partido Popular.

Juárez afirma que “nalgúns políticos” observa o que cualifica de “dobre linguaxe” e “comprensión” con esa “organización terrorista”

O delegado do Goberno mesmo afirma que “cando goberna o PP hai partidos que intentan incendiar a rúa e gañar nela o que non gañaron nas urnas”.

Compartir móbil co “Terrorismo”

Sobre Resistencia Galega, Juárez afirma que “nalgúns políticos” observa o que cualifica de “dobre linguaxe” e “comprensión” con esa “organización terrorista”. Pregúntalle o xornalista que en que políticos ve tal cousa e o delegado do Goberno afirma que “o Bloque fala de violencia de móbil político. Co que sufrimos co terrorismo calquera comprensión paréceme insólita”.

Juárez insiste no discurso durante a entrevista e di que “esta organización ten un móbil que comparte con algúns grupos políticos. Eu pido un desmarque claro”.

Aliás, pon como exemplo desa "comprensión" que o BNG presentou unha proposición non de lei contra a dispersión dos presos independentistas.