Samuel Juárez, delegado do Goberno en Galiza, afirma que o expediente aberto a Francisco Jorquera e outras sete persoas pola oposición ao despexo de Aurelia é de lei. Acusa o portavoz parlamentar do BNG de “manipulación de intencionalidade política” aproveitando o caso “dunha señora maior, que está soa”.
Nunha entrevista en La Voz de Galicia, Juárez sinala que a comisión xudicial que ía executar o desafiuzamento de Aurelia atopouse “cunha algarada na rúa”, “con violencia cara á policía”, e mesmo que a policía “máis que cargar, defendeuse” porque, afirma, “no despexo de Aurelia a Policía aguantou acometidas de bárbaros”.
“Hai partidos que intentan incendiar a rúa”
Samuel Juárez nega na citada entrevista que haxa actuacións “represivas” ou de vulneración e recortes de “dereitos sociais”, e atribúe esas acusacións a “tópicos” que sempre saen cando goberno o Partido Popular.
Juárez afirma que “nalgúns políticos” observa o que cualifica de “dobre linguaxe” e “comprensión” con esa “organización terrorista”
O delegado do Goberno mesmo afirma que “cando goberna o PP hai partidos que intentan incendiar a rúa e gañar nela o que non gañaron nas urnas”.
Compartir móbil co “Terrorismo”
Sobre Resistencia Galega, Juárez afirma que “nalgúns políticos” observa o que cualifica de “dobre linguaxe” e “comprensión” con esa “organización terrorista”. Pregúntalle o xornalista que en que políticos ve tal cousa e o delegado do Goberno afirma que “o Bloque fala de violencia de móbil político. Co que sufrimos co terrorismo calquera comprensión paréceme insólita”.
Juárez insiste no discurso durante a entrevista e di que “esta organización ten un móbil que comparte con algúns grupos políticos. Eu pido un desmarque claro”.
Aliás, pon como exemplo desa "comprensión" que o BNG presentou unha proposición non de lei contra a dispersión dos presos independentistas.