A Xunta, que porfía en rexeitar a quita, destinará máis de 1.763 millóns a amortizar a débeda pública en 2025
O Banco de España presentou o pasado mes as cifras de débeda das comunidades autónomas correspondentes ao primeiro semestre de 2024, que cifran a débeda pública da Galiza, a 30 de xuño, en 13.083 millóns de euros, o que representa un novo récord histórico de endebedamento do país. Uns 2.311 millóns corresponden á débeda contraída co Goberno estatal, 7.430 millóns coa banca privada e 3.342 con outro tipo de acredores.
O dato é especialmente relevante, pois ademais de ser o máis elevado desde que hai rexistros representa case a totalidade dos orzamentos da Xunta da Galiza para o ano 2025, que ascenden á marca tamén histórica de 13.954 millóns. Nesas contas o Executivo de Alfonso Rueda reserva unha partida de máis de 1.763 millóns para a amortización e gastos financeiros da débeda pública, 252 millóns máis que os que destinara en 2024.
Precisamente a condonación da débeda foi un dos asuntos que centraron a axenda mediática nas últimas semanas a raíz da rolda de encontros que mantivo o presidente español, Pedro Sánchez, cos seus homólogos nas comunidades autónomas —entre eles o propio Rueda— para abordar unha posíbel reforma do sistema de financiamento. Naquela reunión apenas se abordou unha eventual quita da débeda á que o mandatario galego, con todo, oponse con total firmeza.
De "negocio ruinoso" cualificouna no Parlamento galego nun pleno, o do pasado 25 de setembro, no que ficou só defendendo esta postura fronte ás fortes críticas da oposición. No caso de replicar o Goberno estatal na Galiza o pacto selado en Catalunya —condonación de 20% da débeda contraída co Fondo de Liquidez Autonómica (FLA)—, a contía adebedada co Estado reduciríase nuns 462 millóns de euros.
Mais a contía podería chegar a ser significativamente superior, pois o acordo asinado en novembro de 2023 entre BNG e PSOE para investir Pedro Sánchez fixaba unha redución da débeda pública galega na mesma proporción que a acordada para Catalunya. O documento prevía "medidas compensatorias análogas para Galiza, no marco das compensacións a aquelas comunidades autónomas que non fixeron uso do FLA" e preferiron endebedarse co sector privado, como no caso gaolego, polo que a quita podería ascender até 20% do total da débeda; é dicir, uns 2.616 millóns.