CxG aposta nun acto con Amaiur e CiU pola "soberanía nacional" na saída da crise

O seu secretario xeral, Xoán Báscuas afirma que malia a estarmos "noutra fase" a respecto de Catalunya e Euskadi non cómpre "deslindar a crise económica da cuestión nacional".

Nun acto organizado polas mocidades de Máis Galiza (MNG) e decorrido na Facultade de Ciencias Políticas, Compromiso por Galiza actuou de anfitrión nunha palestra na que participaron representantes de Amaiur e CiU. As tres formacións analizaron no relatorio Galeusca, configurando unha nova Europa os procesos soberanistas iniciados en Catalunya e Euskadi nun momento en que "o debate público está hexemonizado pola crise económica", asegurou Xoán Báscuas.

Neste senso, Jon Iñarritu e Carles Campuzano avaliaron os escenarios políticos abertos apelando á "democracia e o diálogo" como ferramentas na procura do dereito a decidir dos pobos. "O que non se pode é negar á cidadanía que opine", aseverou o catalán quen lembrou o masivo apoio social manifestado nas rúas de Barcelona e mesmo no Parlament, á consulta soberanista convocada para o vindeiro ano. 

Báscuas: "Non se pode deslindar a crise económica da cuestión nacional"

Pola súa banda, o líder de CxG considerou que a realidade galega --malia a ser distinta e atoparse "noutra fase"-- exixe "pesagoxía, vontade construtiva" por parte das "organizacións galeguistas" pois, asegurou "canto máis poder teñamos, mellor viviremos".

O acto, que se enmarcou no seo dunhas das IV Xornadas da Mocidade galega, procura "tecer pontes e procurar fórmulas de colaboración futuras" entre as forzas políticas que tomaron parte na palestra a través, afirmou Báscuas "do recoñecemento mutuo". Neste senso, as mocidades anuncian a celebración dunha outra actividade con representantes de PNV e Compromís.

Comentarios