Xosé Crespo (PP)

"Creo que a Galiza pode saír moi beneficiada cun Goberno de Feixoo"

Xosé Crespo, cabeza de lista do PP ao Senado por Pontevedra.

Xosé Crespo é alcalde de Lalín. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xosé Crespo é alcalde de Lalín. (Foto: Nós Diario)

—Con que perspectivas concorren a estas eleccións pola circunscrición de Pontevedra?
As perspectivas pasan por facer Alberto Núñez Feixoo presidente do Goberno de España. Estamos convencidos de que iso é bo para Galiza, porque coñece a Galiza como a palma da súa man, coñece as súas carencias e, tamén, sabe das súas fortalezas. Todo o que teña que ver coas cousas da Galiza vai ser ben tratado por Núñez Feixoo e por iso creo que a Galiza pode saír moi beneficiada.

Concorremos ás eleccións moi ilusionados. Cousas que o PP galego leva reivindicando durante moitos anos agora imos poder levalas a cabo, todo aquilo que anhelabamos agora imos poder facelo. O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, vai ter moita sorte nesta ecuación.

—Unha das reivindicacións chave en materia de infraestruturas ferroviarias é a conexión de alta velocidade de Vigo coa fronteira portuguesa, cal é o seu compromiso nesta cuestión?
A saída sur de Vigo é unha cuestión básica para moitos galegos. Eu síntome irmán dos portugueses, porque temos moitas máis similitudes coa poboación do norte de Portugal que coa de Castela-León, malia estar no mesmo Estado.

Falamos dunha infraestrutura vital, social e economicamente, unha infraestrutura estratéxica para toda a provincia de Pontevedra. Por iso, temos que preguntarnos porque o Goberno de España non foi capaz de aprobar un plan de investimentos para esta actuación. Mentres o Goberno portugués ten un compromiso claro con esta obra, o Goberno de España non a considera nin rede básica. O investimento de 30.000 euros recollido polo Goberno de España para esta obra é unha broma. É unha broma a contía e resulta inexplicábel que nos orzamentos xerais do Estado non se aposte por unha conexión con Portugal, que para a Galiza é unha autentica prioridade.

— Unha das cuestións que se ten reclamado na pasada lexislatura no Senado foi a rebaixa das peaxes da AP-53, que conecta o Deza con Santiago de Compostela. Que propostas vai defender ao respecto neste novo período?
A peaxe da AP-53 é a máis cara da Galiza e unha das máis caras do Estado, polo que reclamos para esta autoestrada as mesmas bonificacións que as aprobadas para a AP-9. Na pasada lexislatura, foi aprobada unha proposta no Congreso nesta dirección. Para a xente de Lalín esta é unha cuestión prioritaria, porque aínda que pertencemos Pontevedra, dependemos de Santiago para moitas cousas, algunhas deles tan esenciais como a sanidade, porque temos que ir alí ao hospital.

Comentarios