A Xunta aumenta o gasto da débeda ao tempo que impulsa os descontos fiscais ás grandes fortunas
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, foi o primeiro en presentar ante os grupos parlamentarios unhas contas que cualificou de "históricas" e que dixo que pretenden ser "a planificación estratéxica da década" co horizonte posto en 2030. A negativa de Alfonso Rueda a aceptar a condonación da débeda da Galiza co Estado e o novo modelo de financiamento centraron o debate, no que o conselleiro insistiu en que a quita do adebedado –á que se comprometeu o PSOE co BNG no acordo de investidura de Pedro Sánchez– "sería un negocio ruinoso".
O BNG e o PSdeG lembráronlle que "un ano máis o sistema de financiamento prexudica Galiza". Corgos emprazou os grupos a chegar "ao feche deste exercicio a unha proposta de país para o novo sistema de financiamento" que situou nunha negociación "multilateral" e non Galiza-Estado.
O conselleiro repetiu as cifras da Xunta nas contas de 2025, aínda que fixo un chamamento á "prudencia" polo remate dos fondos pospandemia e a situación xeopolítica actual. Gabou os 13.954 millóns do orzamento para 2025, un incremento de 2,6% respecto ao pasado exercicio, 354 millóns máis. Unha suba, porén, que fica practicamente anulada ao ter en conta o incremento do índice de prezos de consumo previsto para o remate deste exercicio: 2,5%, ao redor de 350 millóns de euros.
A oposición criticou uns orzamentos "raquíticos". A deputada do BNG Noa Presas dixo que as contas "non son históricas" e lembrou que a maior parte deste incremento dos orzamentos "vai para cubrir os xuros da débeda, aumentan o que as galegas temos que gastar na débeda". Explicou que os orzamentos "soben 354 millóns, cando serían necesarios 384 millóns, pero é que a maior parte desde incremento vai para o pago da débeda, que aumenta 240 millóns".
Censurou que aínda que a Xunta se gabe de non recorrer a máis endebedamento para estas contas, os xuros que a Galiza ten que pagar polo endebedamento existente non serán nin sequera cubertos co incremento orzamentario anunciado pola Xunta de Rueda. Presas criticou que o proxecto de orzamentos "contempla ingresos e gastos insuficientes" para responder o contexto actual e referiuse a partidas como a de vivenda para a que demandou "un cambio de paradigma porque até agora non executaron os fondos destinados" noutros exercicios.
A socialista Elena Espinosa criticou que as contas están "faltas de ambición" a respecto das "necesidades reais da cidadanía". Defendeu que o PIB per cápita e as cifras de emprego da Galiza "seguen por baixo da media do Estado” e afeou ao conselleiro que con estes orzamentos “a Xunta deixe de ingresar 751 millóns" por bonificar impostos e taxas ás grandes fortunas.
"Comisarios políticos" nas xefaturas territoriais
O conselleiro de Facenda negou que permitir que os xefes territoriais da Xunta non sexan funcionarios A1 ou A2 supoña a creación da figura de 'comisarios políticos', tal e como criticaron os sindicatos. Así se pronunciou esta quinta feira cuestionado pola prensa a respecto da medida que figura na lei de acompañamento dos orzamentos. O conselleiro defendeu "a oportunidade de que, na procura da persoa idónea por competencia, esta non teña que ser un funcionario público".