A Coruña implantará unha taxa turística de até 2,5 euros tras a súa aprobación en pleno

Porto deportivo da Coruña. (Foto: Autoridade Portuaria da Coruña)
A taxa estará entre 1 e 2,5 euros e "80% dos ingresos serán dedicados á promoción do turismo, a mellorar espazos públicos e a servizos esenciais", sinala o Goberno local. 

O pleno do Concello da Coruña aprobou a implantación da taxa turística na cidade por maioría simple, co voto en contra do Partido Popular. Comezará a aplicarse "previsibelmente no mes de setembro deste ano".

Así o avanzou o concelleiro de Facenda e portavoz do Goberno local, José Manuel Laxe, quen recalcou que a cidade herculina é "o primeiro concello da Galiza en aplicar esta ferramenta fiscal", a cal é, segundo incidiu, "plenamente legal".

Laxe concretou que estarán exentos desta medida o turismo de congresos, se a súa estancia é inferior a cinco días, dado que o consistorio quere "fomentar" este tipo de visitantes; así como os menores de idade, as familias de persoas hospitalizadas e os participantes de programas de acollida ou emerxencia. Ademais, os cruceiros non terán que pagar até o 1 de xaneiro de 2026.

A taxa estará entre 1 e 2,5 euros e "80% dos ingresos serán dedicados á promoción do turismo, a mellorar espazos públicos e a servizos esenciais", apuntou tras sinalar que o obxectivo é alcanzar un modelo "sostíbel, equilibrado e xusto".

En canto ás críticas que apuntan que esta iniciativa "podería reducir" o número de turistas tanto Laxe como o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, aseguraron que non sucedeu así en Lisboa, París ou Barcelona, cidades onde xa se está aplicando. "Ninguén deixa de ir a unha cidade por pagar un euro máis por noite", indicou Laxe.

"É lóxico que os turistas paguen", coincidiu o nacionalista. Con todo, Jorquera insistiu en que o turismo "hai que ordenalo" para evitar, entre outros problemas, a "xentifricación nalgúns barrios ou a redución de vivendas debido ao seu uso turístico".