A Coruña, adeus ao goberno monocolor
Iniciamos unha serie de achegas para comprender como encaran as forzas políticas as as eleccións municipais nas cidades e principais vilas. Na Coruña só hai unha cousa clara: o próximo goberno terá de ser plural, isto é, un gabinete de coalición, pois o ensaio destes catro anos dun goberno monocolor en minoría pasará á historia. Eis un extracto da análise, publicada no número 331 de Sermos Galiza.
“Houbo dous factores básicos que pesaron sobre esa decisión”, relata para Sermos unha fonte ben familiarizada con esa parte da historia. “O primeiro, a consciencia de que o PSdeG de Mar Barcón estaba tomado polo vazquismo, co que iso representa de intereses urbanísticos e demais. O segundo, a idea de que os bipartitos co PSOE con frecuencia acaban mal para as forzas non sistémicas. Aí pesou, por exemplo, o recordo dos gobernos do BNG co Partido Socialista en Vigo e Ferrol”, acrecentan.
A Marea Atlántica decidiu, pois, gobernar en minoría. 10 sobre 27 edís. “O problema para nós”, di a Sermos un dirixente do PSdeG crítico coa corrente vazquista, “é que demos o si na investidura a Xulio Ferreiro sen negociar nada a cambio. Foi un erro estratéxico que pagou caro o partido e que tamén pagou caro a cidade. Teriamonos aforrado boa parte do bloqueo institucional destes anos, coas interminábeis negociacións arredor dos orzamentos, se tivesemos posto como condición para o si a Ferreiro a nosa entrada nun goberno de coalición”.
Salvo sorpresa maiúscula ese problema non se vai volver presentar unha vez que se abran as urnas o 26 de maio próximo e se conten os votos emitidos. Todos os agoiros demoscópicos e as impresións recollidas por Sermos de distintas fontes permiten predicir que ningunha forza política poderá gobernar en solitario a cidade no próximo mandato.
O pacto vai ser inevitábel e alén de máis, moi probabelmente vaia ter de ser a tres e non a dous, xa sexa polo flanco do progresismo e o nacionalismo (Marea Atlántica, PSdeG-PSOE, BNG), xa sexa polo da dereita, agora máis fraccionada que nunca (PP, Ciudadanos e Vox).
[Podes ler a análise íntegra no número 331 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]