ANÁLISE

A Coruña, adeus ao goberno monocolor

Iniciamos unha serie de achegas para comprender como encaran as forzas políticas as as eleccións municipais nas cidades e principais vilas. Na Coruña só hai unha cousa clara: o próximo goberno terá de ser plural, isto é, un gabinete de coalición, pois o ensaio destes catro anos dun goberno monocolor en minoría pasará á historia. Eis un extracto da análise, publicada no número 331 de Sermos Galiza.

Pleno Orzamentos A Coruña
photo_camera [Imaxe: Concello da Coruña]

MAREA-ATLANTICACos resultados de maio de 2011 sobre a mesa –Marea Atlántica e PP, 10 asentos no salón de plenos; PSdeG-PSOE, 6; BNG, 1–, a dirección da confluencia local tomou unha decisión ben arriscada que acabaría por marcar o desenvolvimento de todo o seu mandato: a de gobernar en solitario. Ficaba fóra a outra opción politicamente racional, o bipartito coa lista encabezada por Mar Barcón.

“Houbo dous factores básicos que pesaron sobre esa decisión”, relata para Sermos unha fonte ben familiarizada con esa parte da historia. “O primeiro, a consciencia de que o PSdeG de Mar Barcón estaba tomado polo vazquismo, co que iso representa de intereses urbanísticos e demais. O segundo, a idea de que os bipartitos co PSOE con frecuencia acaban mal para as forzas non sistémicas. Aí pesou, por exemplo, o recordo dos gobernos do BNG co Partido Socialista en Vigo e Ferrol”, acrecentan.

A Marea Atlántica decidiu, pois, gobernar en minoría. 10 sobre 27 edís. “O problema para nós”, di a Sermos un dirixente do PSdeG crítico coa corrente vazquista, “é que demos o si na investidura a Xulio Ferreiro sen negociar nada a cambio. Foi un erro estratéxico que pagou caro o partido e que tamén pagou caro a cidade. Teriamonos aforrado boa parte do bloqueo institucional destes anos, coas interminábeis negociacións arredor dos orzamentos, se tivesemos posto como condición para o si a Ferreiro a nosa entrada nun goberno de coalición”.

Salvo sorpresa maiúscula ese problema non se vai volver presentar unha vez que se abran as urnas o 26 de maio próximo e se conten os votos emitidos. Todos os agoiros demoscópicos e as impresións recollidas por Sermos de distintas fontes permiten predicir que ningunha forza política poderá gobernar en solitario a cidade no próximo mandato.


O pacto vai ser inevitábel e alén de máis, moi probabelmente vaia ter de ser a tres e non a dous, xa sexa polo flanco do progresismo e o nacionalismo (Marea Atlántica, PSdeG-PSOE, BNG), xa sexa polo da dereita, agora máis fraccionada que nunca (PP, Ciudadanos e Vox).

[Podes ler a análise íntegra no número 331 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios