Contratos da Xunta por máis de 70 millóns de euros a un “cartel” multado pola CNMV

O BNG denunciou no Parlamento o trato de favor por parte da Xunta a determinadas empresas tecnolóxicas, como Indra e Everis.

O BNG denunciou no Parlamento o trato de favor por parte da Xunta a determinadas empresas tecnolóxicas, como Indra, e Everis, que recibiron “cuantiosos contratos” por máis de 70 millóns de euros pola prestación de servizos informáticos e tecnolóxicos. “Estas empresas foron multadas pola Comisión Nacional de Mercado de Valores (CNMV) o pasado 1 de agosto de 2018 por argallar un cartel de empresas, así o di o propio órgano de control, para amañar adxudicacións de contratos por servizos tecnolóxicos e informáticos con administracións públicas”, explicou o deputado Luís Bará.

 

A modo de exemplos, o parlamentar citou os contratos de atención 012 adxudicados en 2011 a unha empresa de capital risco, Contac Nova do grupo Netadccede-, creada en 2009 por ex altos cargos da Xunta e do PP, “entre eles o ex director xeral de informática”. Foi beneficiaria de numerosos contratos nos últimos 8 anos, “como o de atención telefónica e de cita previa do Sergas desde 2011 por valor de 9 millóns de euros”. “Falta transparencia e sobra opacidade neste ecosistema de empresas, moitas delas multinacionais que se están lucrando da privatización de servizos públicos como ocorre na sanidade”, dixo.

 

Por iso, o nacionalista pide á Xunta que leve a cabo unha investigación “pola posíbel actuación deste cartel tamén na Galiza, pois estas empresas que recibiron ducias de contratos millonarios, están empotradas na administración pública”.