O conselleiro de Sanidade comparecerá no Parlamento polas mortes de hepatite C

A oposición exixe demisións mentres que Feijóo asegura que "por dous ou tres pacientes, non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade". 

Vázquez Almuíña e Feijóo _ Xunta
photo_camera Vázquez Almuíña e Feijóo [Imaxe Xunta]

A denuncia presentada pola Fiscalía após investigar o caso de sete doentes de hepatite C que faleceron por non ter acceso ou facelo con demora ao tratamento será obxecto de debate no Pazo do Hórreo. 

Após exixir explicacións gobernamentais e mesmo demisións as forzas da oposición o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, solicitou comparecer en sesión plenaria de acordo co comunicado difundido pola propia Xunta esta terza feira (19 de abril). 

Feijóo: "por dous ou tres pacientes [mortos], non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade"

Así as cousas, o presidente da Xunta tivo que saír ao paso da información difundida na xornada de onte coincidindo cun almorzo informativo organizado por El Mundo en Madrid. Segundo recolle eldiario.es, Alberto Núñez Feijóo remarcou que "a fiscalía ten dereito a investigar" porén, tildou de "disparate" o escrito no que formula a súa denuncia. Segundo o mandatario galego "por dous ou tres pacientes [mortos], non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade" como si fixo a Fiscalía que atribúe a "criterios orzamentarios" o feito de se teren rexeitado ou demorado a dispensación de tratamentos solicitados en reiteradas ocasións polos facultativos. Aliás, atribúe a responsabilidade aos "médicos" pois, dixo, "son eles os que decidiron os tratamentos dos pacientes". 

Rubial: "Só 13 [pacientes] non cumprían os criterios e non puideron ser autorizados"

"O 99% dos pacientes foron tratados", insistiu, de igual maneira que unha das persoas imputadas, Félix Ruibal, na altura director de Asistencia Médica e actual xerente da EOXI de Vigo. En declaracións recollidas pola axencia de noticias Europa Press asegurou ter "actuado correctamente", quer na súa condición de xestor, quer na de médico, apuntou. 

"Rotundamente nego que houbese outro criterio que non fose médico", dixo embora non querer afondar nas razóns concretas ao asegurar non ter coñecemento directo do expediente remitido pola Fiscalía ao Xulgado de Instrución. "Só 13 non cumprían os criterios e non puideron ser autorizados", recuncou. 

Por parte da Consellaría de Sanidade e do Sergas "síntome totalmente respaldado, agradézoo enormemente". A respeito da demisión que exixen as forzas da oposición e a Plataforma de persoas atinxidas pola hepatite C, Rubial di que "non pasa pola miña cabeza" embora o cargo estexa "a disposición en todo momento do que consideren a Consellaría e o Sergas", acrecentou, pois trátase dun posto de libre designación. 

Comentarios