O conselleiro e a "preocupante" Atención Primaria

A intervención no Parlamento do conselleiro de Sanidade evidencia a crítica situación do sistema galego de saúde. De feito, o propio conselleiro cualificou de “preocupante” o estado do servizo de Atención Primaria e recoñeceu a falta “de médicos e enfermeiros”.
O conselleiro Julio García Comesaña intervindo no Parlamento da Galiza (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro Julio García Comesaña intervindo no Parlamento da Galiza (Foto: Europa Press)

A comparecencia no pleno do Parlamento da Galiza do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña serviu para evidenciar a crítica situación do sistema galego de saúde. Tanto é así, que o propio responsábel da área sanitaria do executivo de Feixoo cualificou de “preocupante” o estado do servizo de Atención Primaria (AP) e recoñeceu a falta “de médicos e enfermeiros” para facer fronte ás necesidades asistenciais da cidadanía galega. Malia a isto, Comesaña eludiu asumir responsabilidades nunhas eivas denunciadas desde hai anos por profesionais do sector e valorou positivamente a actuación do seu departamento.

O conselleiro, que acudiu á Cámara atendendo unha petición da oposición, sacou peito da súa xestión e amosouse satisfeito pola resposta a esta nova vaga da pandemia. Neste sentido, afirmou que “ninguén agardaba unha situación como esta pola elevada taxa de vacinación” e destacou “as medidas de prevención adoptadas axustadas ao novo escenario”. Na mesma liña, restou importancia ao impacto do coronavirus na actividade asistencial ordinaria e considerou normais os tempos de agarda nos diferentes niveis do sistema sanitario. 

As declaracións de Comesaña producíronse tras as queixas dos usuarios e profesionais da sanidade pública, que denunciaron tardanzas de até dúas semanas en Atención Primaria para unha consulta telefónica.

A voceira en materia sanitaria do BNG, Montse Prado denunciou que “non hai ningún centro de saúde co número de profesionais preciso” e acusou ao PP de “facelo de libro se queren acabar coa Atención Primaria”. Ao tempo, cuestionou á Xunta pola xestión da pandemia e criticou que en “16 meses non teñen un sistema de rastrexo eficiente, senón descoordinación, confusión no control e no seguimento dos positivos, nos illamentos e nas corentenas. Un sistema baseado na precariedade, na inestabilidade e nos baixos prezos”. 

Eivas no rastrexo

Prado insistiu na importancia do rastrexo na loita contra o virus e acusou “ao Goberno de non tomarse en serio” este labor. “Nuns casos indican corentena e noutros nas mesmas circunstancias non, persoas desesperadas ante a imposibilidade de contactar co Sergas e ante a falla de indicacións sobre o que deben facer ao dar positivo”, afirmou Prado, que preguntou a Comesaña “a que agarda para pór en marcha un sistema de rastrexo con persoal suficiente e formado, na vez de ter aos profesionais de Atención Primaria facendo esa labor cando non teñen mans para máis?”.

Rastrexadores

O parlamentario socialista, Julio Torrado cualificou de “estrutural” a problemática do sistema galego de saúde. Neste sentido, volveu preguntar ao conselleiro polo número de rastrexadores da Xunta e lamentou que os responsábeis sanitarios continúen negando a cifra de persoas adscritas a estas tarefas. “Cal é o número de rastrexadores que hai no Servizo Galego de Saúde (Sergas)?. O señor Feixoo dixo 6.147. Vostede dixo  apenas unha semana máis tarde 700. A semana seguinte dixo que non sabía moi ben dicir que era un rastrexador, igual vai sendo hora de que afine o que é”, sinalou Torrado.

O voceiro de Sanidade do PSdeG-PSOE urxiu ao Comesaña a “contratar rastrexadores”. Após de lamentar que o Partido Popular “este máis preocupado en facer oposición á oposición que en buscar solucións” reclamou unha nova política en materia de rastrexo que puxera fin “ao modelo concesional e privatizador” do Goberno galego. Neste sentido, coincidiu con Prado na importancia do mesmo para responder á pandemia.

Máis en POLÍTICA
Comentarios