O Congreso debaterá a terza feira unha lei do BNG para reducir a xornada laboral a 35 horas

O deputado do BNG, Néstor Rego, durante unha intervención no Congreso. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
Néstor Rego chamou ao resto de forzas políticas a ser "valentes" e a tomar en consideración esta medida.

O Pleno do Congreso debaterá e votará esta terza feira a admisión a trámite dunha proposición de lei do BNG para reformar o Estatuto dos Traballadores e reducir a xornada laboral desde as 40 até as 35 horas semanais.

Trátase da segunda vez que o Congreso debate unha lei para reducir a xornada laboral. Primeiro foi o Goberno estatal, a iniciativa de Sumar, quen presentou un proxecto de lei pactado cos sindicatos coa intención de deixar en 37,5 as horas que se traballan á semana.

Con todo, o PP, Vox e Junts deron ao traste coas intencións da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e sumaron maioría para tombar o proxecto.

Agora o BNG volverá tentalo, mais cunha proposta máis ambiciosa que a do socio minoritario do Goberno español. O deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego, rexistrou a iniciativa acompañado do sindicato CIG coa intención de "conquistar dereitos para os traballadores fronte á explotación".

"A xornada de 37,5 horas xa é xeneral na Administración pública (en moitos sectores mesmo 35) e en moitas empresas. Agora é necesario avanzar para as 35", reivindicou Rego.

De feito, no momento de rexistrar esa iniciativa o deputado dixo que aínda que o futuro pasa polas 35 horas semanais, hai que avanzar "cara á xornada de 32 horas en catro días á semana". A xuízo do deputado, esta proposta supón unha distribución "máis xusta" do traballo, garante a conciliación da vida laboral e persoal e aumenta a produtividade sen reducir os salarios.

Neste escenario, o BNG chamou ao resto de forzas políticas a ser "valentes" e a tomar en consideración esta medida, que vai máis aló da proposta do Goberno e evita o abuso de horas extras e melloras a regulación do rexistro de xornada.