O Congreso aproba a moción do BNG que rexeita as ameazas de Trump e condena a súa proposta intervencionista en Gaza

O deputado do BNG Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O Bloque lamenta as posicións belicistas das formacións estatais. PP e PSOE uniron os seus votos en favor do rearme militar da UE e dos plans para crear un fondo de 800.000 millóns de euros.

O Congreso dos Deputados aprobou esta quinta feira a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) para o rexeitamento das recentes declaracións do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, sobre terceiros países e a condena da súa proposta de control da Faixa de Gaza, que leva aparellada a expulsión da poboación palestina. A iniciativa do BNG contou co apoio dunha maioría da cámara, o que segundo a organización nacionalista evidencia a desaprobación "deste tipo de posturas belicistas e anexionistas no ámbito internacional ".

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, celebrou o apoio á moción e destacou que "o Estado español non pode permanecer en silencio ante a deriva intervencionista e agresiva de Donald Trump, que supón unha ameaza directa á soberanía doutros pobos e aos principios básicos do dereito internacional".

Entre os aspectos aprobados, destaca o rexeitamento expreso ás ameazas de Trump contra Panamá e Grenlandia, así como a condena á súa intención de tomar o control da Faixa de Gaza e transformala nun resort tras desprazar forzosamente a poboación palestina e levar a cabo "unha limpeza étnica". "Estamos a falar dun auténtico crime de lesa humanidade que non pode ter complicidade nin silencio por parte da Comunidade Internacional ", afirmou Rego.

Seguiremos defendendo a necesidade de superar estruturas belicistas que só serven para alimentar conflitos en lugar de resolvelos

Ademais, nos puntos aprobados da moción do BNG reitérase o compromiso coa paz e coa busca de solucións a través do diálogo e da negociación, fronte ás "dinámicas de confrontación e militarización crecente". "O mundo precisa estratexias de estabilidade e cooperación, non máis tensións e enfrontamentos", reivindicou o deputado do BNG.

PP e PSOE, máis belicitas

Néstor Rego lamentou que PP e PSOE non apoiasen outras propostas incluídas na moción, como a oposición á proposta da Comisión Europea de destinar 800.000 millóns de euros á compra de armamento ou a renuncia ao incremento do gasto militar. "A aposta polo rearme detrae recursos de políticas sociais e servizos públicos esenciais para a cidadanía" denuncia o deputado nacionalista.

Finalmente, o BNG tamén procuraba o apoio do Congreso para instar o Goberno español á saída do Estado español da OTAN e á disolución desta alianza militar, mais a proposta non conseguiu o apoio suficiente. "Seguiremos defendendo a necesidade de superar estruturas belicistas que só serven para alimentar conflitos en lugar de resolvelos",  finalizou Rego.