"Un cátering para 200 persoas non é unha actuación para un grupo municipal": O Concello de Noia levará a Fiscalía os gastos do PP en bares
O informe da asesoría xurídica sinala que certos gastos do grupo municipal popular con cargo ás asignacións municipais “non responderon a finalidade de sufragar gastos de funcionamento do grupo municipal producidos no exercicio da súa actuación corporativa”.
O Concello de Noia (comarca homónima) vai denunciar o anterior alcalde, Santiago Freire (Partido Popular), e o seu equipo ante a Fiscalía e o Tribunal de Contas polo gasto de fondos públicos municipais en bares e restaurantes entre os anos 12018 e 2024.
“Achéganse gastos en comidas con simpatizantes ou asociados por importe de 999,99 euros que non se poden considerar gastos de funcionamento do grupo municipal”, “Un cátering para 200 persoas non é una actuación para un grupo municipal”, "achéganse gastos en hostalaría por importe de 4.538,25 euros que non se poden considerar gastos de funcionamento do grupo municipal”, " achéganse gastos en comidas con simpatizantes ou asociados por importe de 1.701,75 euros que non se poden considerar gastos de funcionamento do grupo municipal, senón que se trata de gastos do partido político"....
Estas son só algunhas das consideracións que recolle o documento de intervención —ao que tivo acceso Nós Diario— sobre os gastos en restaurantes, cafetarías, bares facturados polo PP noiés a cargo da asignación anual que a Administración local achega para o funcionamento do grupo municipal. Este informe xurídico conclúe que os feitos poden ser levados tanto á Fiscalía, para un proceso penal, como ante o Tribunal de Contas. O documento afirma que "certos gastos abonados polo grupo municipal do PP con cargo ás asignacións dos exercicios 2019 a 2024, ambos os dous incluídos, non responderon á finalidade de sufragar gastos de funcionamento do grupo municipal producidos no exercicio da súa actuación corporativa".
Responsabilidades penais
O informe da Asesoría Xurídica ademais, indica que ao non ter os grupos políticos municipais personalidade xurídica, as posíbeis responsabilidades contábeis recaen sobre os integrantes dos mesmos. O documento xurídico lembra que hai sentenzas do Tribunal de Cuentas nas que se condenou membros de grupos municipais como responsábeis directos ao reintegro desas achegas económicas por non estar xustificado o investimento ou ben por ter unha finalidade para a que non foron outorgados.
Tamén lembra que en varios destes feitos correspondía ao Concello —cuxa Alcaldía ostentaba o PP neses anos— controlar e exixir responsabilidades por estes gastos, algo que desde a propia intervención se sinslaba ("debería ser o Pleno o que sinale se este tipo de gastos se deben considerar ou non”).
O grupo municipal do Partido Popular en Noia xustificou a asignación política do Concello entre 2018 e 2024 con varios tíckets e facturas entre as que se atopan gastos por un valor de case 30.000 euros en bares e restaurantes, algúns presentados como reunións de traballo e outros como comidas con persoas afiliadas e simpatizantes do PP. Preguntado o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, por Nós Diario a respecto destes gastos en bares e restaurantes, o titular da Xunta respondeu que "é certo que chama a atención algún concepto" neses gastos, mais engadiu que habería que miralos "polo miúdo". Ese estudo detallado é precisamente o que vén de facer a Asesoría Xurídica.