EVA SOLLA, SECRETARIA XERAL PCG

“O comunismo é actual porque, por desgraza, o capitalismo está de plena actualidade”

Falamos con Eva Solla, deputada de AGE e electa a comezos de mes nova secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia (PCG) “Non son tempos de actuar con morneza”.

Eva Solla (Castrelos, Vigo, 1984) foi elixida polo Partido Comunista de Galicia como a súa nova secretaria xeral no XIII Congreso, que decorreu a comezos deste mes na cidade olívica baixo o lema ‘Construíndo República, creando poder popular’. É deputada de AGE no Parlamento galego. Afirma que sempre estivo interesada na política, un tema que na súa casa se trataba con normalidade. Tomou a decisión de comezar a militar en Esquerda Unida en 2007, despois dunhas municipais nos que os resultados non foron especialmente positivos para a coligazón de esquerdas.

Muller de trinta anos e secretaria xeral dun Partido Comunista... Están a caer clichés?

Están, mais aínda pasesiño (rise) Mais si que van cambiando. Neste congreso que vimos de realizar o PCG renovouse o 60% do Comité Central. Estou convencida de que a renovación e a experiencia teñen que ir da man. Estamos perante momentos excepcionais e hai demanda dunhas políticas máis adaptada ao que se sente e pide na rúa. E aí pode estar tamén esa petición ás forzas políticas de renovación para se adecuar á situación actual.

No teu discurso no congreso do PCG falaba a necesidade dun “Partido á ofensiva”...

A situación da clase traballadora, do que se chama ‘precariado’...é tremenda. Estamos a ver situacións dramáticas, devastadoras: exclusión social, paro....Se no Partido Comunista queremos estar a carón da xente do común temos que actuar á ofensiva. Non son momentos de actuar con morneza. E non é só a crise económica, senón tamén o proceso de perda de dereitos sociais e democráticos, como mostran a Lei Mordaza’ ou a criminalización dos protestos e manifestacións. Temos que responder ante iso.

"Na actualidade non hai nin unha soa tese no PC que defenda a Transición nin os pactos. É posíbel que daquela se vise (a Transición) como un mal menor, mais é evidente que agora estamos nun fin de réxime"

Tamén falaches nese discurso sobre que “o réxime saído da Transición está en descomposición”, mais o PCE foi parte na Transición...

Esa etapa está superada. Na actualidade non hai nin unha soa tese no PC que defenda a Transición nin os pactos. É posíbel que daquela se vise (a Transición) como un mal menor, mais é evidente que agora estamos nun fin de réxime. E que o réxime se resiste a este final, claro, aí están medidas como as que antes dicía da ‘Lei Mordaza’ (de seguridade cidadá)

Cal é a vixencia do comunismo neste século XXI?

O comunismo está de actualidade porque o capitalismo está de plena actualidade, por desgraza. Só hai que ver a realidade. E eles, as grandes empresas e poderes, van gañando nestes momentos, porque cada vez viven mellor. A costa da clase obreira. O noso obxectivo é darlle a volta a iso. Loitar por dereitos como o dereito ao traballo, dereito a vivenda... dereitos que actualmente son vulnerados constantemente.

En poucos meses veñen as eleccións municipais e hai debate sobre, coligazóns, marés, candidaturas abertas... Cal é a aposta do PCG

Electoralmente o traballo faise en Esquerda Unida. Nos traballamos nas frontes de converxencia. Nunha alianza de clases xa teorizada por Lenine e que está de plena actualidade ante o paro, a corrupción sistémica...Nestes momentos cómpre ser xenerosos en canto á unidade para acabar con esas situacións. Apostamos por un proceso como AGE, e por AGE en Europa. E cremos que hai que seguir traballando, mais non só con partidos e organizacións políticas, senón tamén coa xente. Agora mesmo estásenos a pedir que nos poñamos de acordo forzas diferentes en aspectos básicos, unha especie de mínimo común para poñer fin a todo o que está a pasar.

"Defendemos o dereito a decidir, o dereito á auto-determinación do pobo galego. Desde sempre"

Partido Comunista de Galicia... Cal é a opinión do PCG sobre a cuestión nacional galega?

Defendemos o dereito a decidir, o dereito á auto-determinación do pobo galego. Desde sempre. E non é unha novidade que nós apostamos por un proxecto federal, mais debe ser a cidadanía das distintas nacións que están no Estado español as que decidan sobre o seu futuro.

A túa profesión é de enfermeira e como deputada de AGE levas os temas relacionados coa sanidade, denunciando o desmantelamento en Galiza deste servizo

Vaise cara á privatización. Claramente. Desde que Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta o orzamento para a sanidade pública vai minguando á vez que aumenta o que se destina a concertos coa privada ou servizos que prestan empresas (lavandería, por exemplo). É unha sanidade cada vez máis descapitalizada en medios e en persoal. Hai unha estratexia clara que non se limita só a Galiza ou o Estado español: as grandes multi-nacionais saben do negocio que é a sanidade. Unha cuestión que tamén se vai ver afectada polo TTIP (Tratado Transatlántico de Comercio que están negociando Estados Unidos e a UE)

Comentarios