O Concello estuda recorrer a sentenza que deixa a Abraham e Isaac en mans dos Franco

Compostela ve posíbel reclamar ao Supremo as esculturas do Mestre Mateo

Abraham e Isaac son de novo unha prioridade para o Concello de Compostela e para o Goberno galego. As esculturas creadas polo Mestre Mateo para o Pórtico da Gloria, grande activo do Patrimonio cultural galego, seguen inmersas nunha disputa xudicial e, polo momento, son propiedade da familia do ditador Francisco Franco en lugar de estar expostas para o desfrute das galegas nun museo compostelán.

 

mestre mateo

O Concello de Santiago quere chegar ata o Supremo. Este é o criterio do rexedor municipal, Xosé Sánchez Bugallo, quen confiou en que exista "base legal" para recorrer ao Alto Tribunal contra o fallo da Audiencia Provincial de Madrid que lle deu a razón aos herdeiros do ditador Francisco Franco sobre as estatuas obra do Mestre Mateo, que se atopan en posesión da familia e que reclama Compostela.

Bugallo asegurou que a corporación municipal ten moi claro o obxectivo de recuperar estes bens para o patrimonio público e que os servizos xurídicos xa se atopan traballando nun informe que permita formalizar unha decisión a respecto diso, que se tomará "a próxima semana".

Desde o consistorio confirmaron a Nós Diario que o alcalde contactou coa asesoría xurídica e mais co letrado Xaquín Monteagudo, o mesmo avogado que iniciara o caso durante o mandato de Compostela Aberta, para decidir o seguinte paso.

O rexedor incidiu especialmente en que a preocupación do Concello non é tanto que as pezas regresen como "titularidade municipal", senón que estes bens sexan accesíbels "para estudosos e para cidadáns".

"O noso gran interese é defender que algo que é Patrimonio da Humanidade sexa Patrimonio da Humanidade, e non patrimonio privativo de ninguén", insistiu, para despois avanzar que as pezas se porán a disposición do Museo da Catedral ou do Museo das Peregrinacións no caso de que o Goberno local gañe neste pulso contra a familia do ditador.

O rexedor informou onte da situación á xunta de Goberno local, na que toda a corporación manifestou o criterio común de recorrer o fallo no caso de que exista "base legal" para facelo.

Bugallo considerou "moi favorable e positivo" que nesta nova sentenza se constate a compra das esculturas por parte do Concello de Compostela, aínda que falte por acreditar se estas son as mesmas que actualmente están en posesión dos Franco.

Este é o obxectivo co que está a traballar a asesoría xurídica do Goberno local en colaboración co equipo de avogados que defendeu a posición municipal no seu día. O rexedor compostelán sinalou, á súa vez, que se buscará a colaboración do director do Museo da Catedral para que concorra xunto a eles co obxectivo de acreditar estas dúbidas, e tirou de retranca para engadir que non cre "que haxa moitas esculturas do Pórtico da Gloria circulando por aí".

Porén, o alcalde recoñeceu as dificultades á hora de buscar este tipo de documentación, posto que naquela época "ninguén se podía permitir que Franco asinase ningún recibín"; e lembrou que as zonas de Santiago e A Coruña, xunto a "moitas outras", experimentaron "unha longa tradición de bens" que pasaron formar parte do patrimonio do ditador e que "non foron documentados de forma correcta".

Colaboración da Xunta

A sentenza da Audiencia Provincial de Madrid provocou as reaccións dos líderes políticos, comezando polo presidente da Xunta. Alberto Núñez Feixoo, asegurou que o Goberno está "a disposición" do Concello de Compostela en relación aos posibles pasos xurídicos a dar e que as áreas de Patrimonio e Cultura poden colaborar para analizar "os efectos e argumentos" da sentenza e así comprobar "se é recurríbel obxectivamente".

Por outra banda, a deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla sinalou que é "incomprensíbel que un ben de interese cultural estea en mans dunha familia expoliadora que amparou un réxime sanguento como o franquista"; mentres que o deputado do BNG Luís Bará tachou de "auténtica burla" esta resolución e insistiu en que "hai documentación" para identificar as esculturas. Bará avogou por "seguir batallando en todas as instancias" para conseguir a súa devolución. 

Comentarios