PRESENTA OS SEUS AVAIS NAS PRIMARIAS

Carme Adán postúlase como candidata de IpU por Pontevedra

A que fora secretaria xeral de Igualdade na Xunta de Galiza e a portavoz parlamentar do BNG en materia de Igualdade dá un paso á fronte e preséntase ás eleccións primarias de Iniciativa pola Unión por Pontevedra. “Preséntome para dar o mellor de min mesma”, confírmanos.

[Imaxe: Facebook] Carme Adán
photo_camera [Imaxe: Facebook] Carme Adán

“Mediteino moito. Persoalmente teño unha vida complicada, mais creo que é un momento de que en que o compromiso debe estar por diante de todo. Fágoo con moitísima ilusión”, explícanos Carme Adán sobre a súa decisión de presentarse ás eleccións primarias de Iniciativa pola Unión por Pontevedra, “é unha honra poder presentarme e fágoo para dar o mellor de min mesma. Hai moita xente que espera que demos o mellor de nós mesmas”.

En conversa con Sermos Galiza, Carme Adán afirma que nos atopamos diante “dun momento importantísimo para Galiza e por iso temos que nos comprometer para traballar polo país, para que Galiza teña a súa voz e acade a máxima representación posíbel”. É consciente de que se van desenvolver “debates en que se van decidir cuestións fundamentais que teñen a ver coa vida das persoas”, refírese ao chamado debate territorial, no que Galiza, salienta, debe ter a maior forza posíbel.

Carme Adán: "Podo achegarlle á candidatura anos de experiencia e moita ilusión, así como a perspectiva de saber o difícil que é para as mulleres manterse na política"

Sinala que pode achegarlle a Nós. Candidatura Galega “anos de experiencia e moita ilusión, así como a perspectiva de saber o difícil que é para as mulleres estar e manterse na política”. Carme Adán preséntase co obxectivo de “sumar as persoas que senten Galiza e queren que Galiza teña voz propia”.

Sobre a importancia de que Nós. Candidatura Galega acade a maior representación posíbel no Congreso, sinala que “o nacionalismo galego leva 20 anos no Congreso defendendo o pobo galego, as clases populares e os sectores produtivos”. “Agora que vemos como as forzas estatais, Podemos, Ciudadanos, PSOE, PP… fechan filas ao redor da unidade de España, sería realmente unha mágoa que non haxa unha forza galega que poida defender o carácter nacional de Galiza”, engade.

Sería realmente unha mágoa que non haxa unha forza galega que poida defender o carácter nacional de Galiza

Profesora de Filosofía e autora de numerosas publicacións, Carme Adán (Donostia, 1966) saltou á primeira liña política en 2005, cando encabezou as listas do BNG ao Parlamento galego. Coñecida polo seu activismo no eido feminista, de 2005 a 2009 foi a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galiza. Desde 2009 é parlamentar do Bloque na Cámara galega.

A decisión de Carme Adán, que esta mesma tarde presentará os 25 avais necesarios para se postular como candidata nas primarias de IpU, faise pública un día após sabermos que Carlos Callón concorrerá ás primarias pola Coruña

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios