28-M

O PP leva como candidato na Illa de Arousa un condenado por violencia machista

Matías González Cañón, nunha intervención durante un acto do Partido Popular de Pontevedra. (Foto: PP)
Matías González Cañón foi sentenciado en 2011 a 25 xornadas de traballos comunitarios e nove meses de afastamento da súa parella de entón por agredila en plena rúa, segundo avanzou 'elDiario.es'.

A falta xa de menos dunha semana para que os galegos e galegas decidan o rumbo dos 313 concellos do país, o Partido Popular volve ficar no foco da polémica pola composición das súas candidaturas. Após coñecerse que o 'número 3' da lista conservadora nos Brancos (A Limia), José Manuel Barreiro, fora condenado por agredir o seu pai e ten aínda vixente unha orde de afastamento, o albo das críticas é agora o candidato á Alcaldía da Illa de Arousa (O Salnés).

Trátase de Matías González Cañón, elixido polos 'populares' para encabezar a súa candidatura nun municipio gobernado desde o seu nacemento polo Partido Socialista e quen, segundo informou esta segunda feira o xornal elDiario.es, ten un escuro pasado que agora o persegue de cara á vindeira cita coas urnas, este domingo 28 de maio.

González Cañón, quen traballa como vixilante de seguridade, foi condenado en 2011 por un delito de malos tratos contra a súa parella de entón, polo que foi obrigado polo xuíz a realizar traballos en beneficio da comunidade durante 25 días e a non comunicarse por ningunha vía coa vítima nos seguintes nove meses.

A denunciante acusouno no xuízo de discutir en plena rúa berrándolle e chegando a agredila fisicamente, golpeándoa na faciana. Por estes feitos a Fiscalía pedía inicialmente unha pena de dez meses de prisión.

Desde o Partido Popular alegaron descoñecer esta sentenza condenatoria e estudan agora "como actuar" contra González, segundo as mesmas fontes, se ben tampouco manifestan que pretendan substituír o seu candidato seis días antes das eleccións.

No caso do 'número 3' do PP nos Brancos, o presidente da Xunta e desta formación na Galiza, Alfonso Rueda, asegurou finalmente que, se Barreiro obtén acta de concelleiro após os comicios, non formará parte do Goberno local.

Négase a dimitir

O PP provincial de Pontevedra trasladou que, unha vez que transcendeu que Matías González Cañón fora condenado en 2011, exixiulle abandonar a candidatura, ao que este se negou. Nun comunicado, os 'populares' indican que pediron a González Cañón o abandono da lista por ter unha condena por uns feitos que "baten frontalmente cos principios do PP e do seu código ético".

En todo caso, apuntan que o abandono da candidatura é "unha decisión estritamente persoal" e que a condición de candidato, unha vez publicadas as listas electorais, "só pode perderse pola vontade do propio candidato", polo que o partido "non pode tomar unilateralmente esta decisión". Ao que si que se comprometen os 'populares' é a que González Cañón non pasará a integrar o seu grupo municipal na Illa.

Desde o PP sosteñen que "aborrecen e repudian" a violencia machista, e agregan que "unha persoa condenada por estes feitos non pode representar os valores deste partido". "Até o día de hoxe, o PP descoñecía a situación xudicial desta persona, condenada no ano 2011. Non existe un rexistro público de persoas condenadas nin de condenas, polo que non é posíbel comprobar os antecedentes de cada persona candidata, á marxe do que eles mesmos declaren", engadiron. Ademais, o PP esgrime que González Cañón non está afiliado ao partido, polo que non se lle poden aplicar os seus estatutos.