Callón reivindica unhas conexións ferroviarias dignas do século XXI

Candidatos e candidatas de Nós

Traxectos, horarios e prezos acaídos e medidas de seguridade son as propostas que presentou na mañá desta sexta feira Carlos Callón, cabeza de lista de Nós, Candidatura Galega pola Coruña.

Acompañado da parlamentar do BNG Ana Pontón, do portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, e de candidatos e candidatas de Nós, Carlos Callón reivindicou ao pé da estación dos camiños de ferro de Compostela “unhas conexións ferroviarias dignas, acordes ás necesidades do país, porque melloran a calidade de vida de todas as persoas e porque é estímulo para a creación de emprego e economía”. O cabeza de lista pola Coruña advertiu diante dos medios de comunicación do “agravio histórico” que padece Galiza respecto do transporte ferroviario.

Callón denuncia que o estudantado viaxa amoreado nos vagóns dos comboios

Callón lembrou que “desde que o nacionalismo galego existe reivindicáronse conexións ferroviarias dignas” e lamentou que “aínda non se nos estea a escoitar como merecemos”. Neste sentido, salientou que “hai moito que avanzar”, sobre todo, no que atinxe a traxectos, horarios e prezos dignos, “estamos en 2015 e parece que estamos en 1915”. Puxo como exemplo, os días en que o estudantado ten que viaxar “amoreado” nos vagóns dos comboios, “como se estivésemos a inicios do século XX”.

Nós, Candidatura Galega esixe medidas de seguridade para evitar sinistros como o de Angrois

Pola outra banda, o número 1 de Nós, Candidatura Galega pola Coruña fixo fincapé no “mazazo dramático” que viviu o país co accidente do Alvia en Angrois o 24 de xullo de 2013. Respecto disto, denunciou a falta de seguridade de varios tramos e criticou a inauguración de partes da rede ferroviaria sen os sistemas de seguridade acaídos. “Máis de dous anos após o accidente, non se puxeron medidas, isto non acontecería en ningún país civilizado”, apuntou.

En catro ocasións, o PP e o PSOE tombaron propostas do nacionalismo galego no Congreso para abrir unha comisión de investigación sobre o sinistro do Alvia

Ademais, sinalou que a “ferida social e emocional” aberta a raíz do sinistro do Alvia non se fechou, pola falta de “reparación” e de “xustiza”. Callón, que apelou á non impunidade”, subliñou que “até en catro ocasións, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez presentaron iniciativas para reclamar a apertura dunha comisión de investigación”. As catro, lembrou, foron tombadas polo PP e polo PSOE. Tamén foi crítico con estes partidos por “non deixar oír a voz da asociación de vítimas”. “Foi Ana Miranda quen levou a súa voz a Bruxelas, alí puideron explicar o que no Congreso e no Parlamento non poden porque o PSOE e o PP se negan”.