"Cálate ti, parapléxico". A desafortunada resposta dun edil de Ponteareas a un membro do BNG
Ponteareas viviu unha constitución da corporación municipal un tanto polémica. A candidata popular á Alcaldía de Ponteareas, Nava Castro, converteuse de maneira oficial na alcaldesa da localidade tras lograr o apoio do se grupo na corporación así como o de Domingos Freitas, concelleiro de Independentes de Ponteareas.
Foi precisamente Freitas quen protagonizou a polémica do pleno durante unha intervención cando se dirixiu ao responsábel local do Bloque, Bolívar González.
González increpou Freitas durante a intervención deste último e, sen dubidalo, o concelleiro independente decidiu responderlle dicíndolle “cálate ti, parapléxico”.
Freitas entra no Goberno
O PP de Ponteareas confirmou que integrará no próximo goberno local ao propio Domingos Freitas, de Independentes por Ponteareas, o único edil que, non sendo do PP, votou a favor da investidura de Castro.
Na sesión plenaria deste sábado, Nava Castro conseguiu os 7 votos do seu grupo e o de Freitas.
Ao non conseguir tampouco maioría absoluta a opción do BNG (apoiada polos propios nacionalistas, os socialistas e Ponteareas en Común), a Alcaldía foi para a lista máis votada.