O PSOE reclama un plan de vacinación "sólido e solvente"

Caballero critica que as doses das vacinas “estean gardadas”

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, demandou na segunda feira que a Xunta poña en marcha un plan de vacinación "solvente".
2,2
photo_camera Gonzalo Caballero, na súa comparecencia no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, demandou á Xunta da Galiza a posta en marcha dun plan de vacinación “sólido e solvente” e asegurou que “non é lóxico que as vacinas estean gardadas” no Servizo Galego de Saúde (Sergas) cando "poden ser usadas".

"Non podemos ter no sistema de saúde as vacinas esperando cando estamos ante a maior crise, con moitos gromos e cando a poboación en situación máis vulnerábel segue asumindo grandes riscos", manifestou o máximo responsábel dos socialistas galegos, no marco dunha rolda de prensa realizada no Parlamento da Galiza.

“Que ningún galego teña que estar a esperar a que se lle poida pór a vacina se esa vacina está dispoñíbel nos sistemas de conxelado do Sergas”, reclamou Caballero, quen apostou por “aproveitar a posibilidade que dá a ciencia e a seguridade das vacinas fronte aos virus”.

Neste sentido, emprazou o Goberno galego a desenvolver un plan que permita facer chegar as doses á poboación coa “maior celeridade”. A proposta do dirixente socialista chega após informar a pasada semana a Administración galega que xa fornecera gran parte das doses recibidas pero reservaba un terzo do stock para garantir a segunda dose no caso de que se producise algunha incidencia na subministración.

“O máis solvente” é “usar as vacinas” e “non telas gardadas porque van seguir chegando”, expuxo Caballero, quen subliñou que "a garantía de pór as vacinas desde o primeiro momento é superior á de calquera outro tipo de escenario".

“Ese é o camiño que temos que percorrer”, lembrou o secretario xeral dos socialistas galegos, quen demandou ás autoridades galegas seguir as recomendacións sanitarias trasladadas pola Unión Europea e o Goberno do Estado.

Neste sentido, o domingo 10, o portavoz socialista en materia sanitaria, Julio Torrado, instou Feixoo a que “non se escude en roturas de stock cando sabe que as vacinas están aí porque a Xunta forma parte do Consello Interterritorial”.

Comentarios