Parlamento

O conselleiro de Sanidade propón catro plans... mais ningún para paliar a actual falta de médicas nin as listas de espera

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recoñeceu esta terza feira na súa comparecencia ante o Parlamento que vai ser este un verán "complexo" pola falta de persoal sanitario. Culpa "do Goberno central", dixo. A oposición afeoulle a falta de autocrítica e instou a tomar nota da situación "real" da sanidade.
Montse Prado (BNG), o conselleiro de Sanidade, Antonio García Caamaño; e Elena Espinosa (PSdeG). [Fotos: Parlamento da Galiza / Xunta da Galiza / Nós Diario]
photo_camera Montse Prado (BNG), o conselleiro de Sanidade, Antonio García Caamaño; e Elena Espinosa (PSdeG). [Fotos: Parlamento da Galiza / Xunta da Galiza / Nós Diario]

Un plan para reducir a burocracia que estará completo en 2026 e que 40% do mesmo estará executado cando acabe este ano, un plan de recursos humanos no que xa se está a traballar e que agarda ter listo no prazo dun ano, un plan estratéxico para a interacción entre Atención Primaria (AP) e Hospitalaria, un plan para organizar a AP no rural... A comparecencia esta terza feira do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no pleno do Parlamento galego deixou o anuncio pola súa parte dun amplo número de plans que o seu departamento está a impulsar ou vai impulsar. Case un plan anunciado por cada 10 minutos de intervención.

"Hai quen defende a sanidade pública detrás dunha pancarta e respéctoo, pero nós defendémola traballando", manifestou o conselleiro. Un traballo que quixo exemplificar con todos os plans que anunciou que vai pór en marcha e que, apuntou, mellorarán unha sanidade pública, a galega, "recoñecida a nivel mundial". Gómez Caamaño, porén, e malia todos estes anuncios, quixo cubrirse ante o escenario de semanas de protestas e mobilizacións en diversas comarcas pola falta de persoal e medios. "Non imos negar que este verán se prevé complexo", afirmou, mais é así pola "inacción do Goberno central".

Volveu lembrar as medidas adoptadas polo Goberno galego —os médicos residentes que non acabaron a súa formación e se lles convida a traballar este verán, a bolsa de persoal médico voluntario para traballar estes meses, o programa especial de apoio á AP polo 061...— e anunciou máis medidas, case tantas como plans: un decreto para regular o traballo na AP, servizos sanitarios móbiles para ir de centro en centro; aumentar o persoal de enfermaría en Atención Primaria até que haxa unha destas profesionais por cada médica.

Plans, medidas e compromisos que non convenceron a oposición, que ve nos mesmos certa aposta por mirar para o futuro para non actuar no presente. "Hai que tomar medidas xa", demandou Montse Prado (BNG) e non anuncios para "2025 ou 2026". "O papel terma de todo", afirmou na súa resposta Elena Espinosa (PSdeG). E Esperanza Amigo (PP) aplaudiu os anuncios do conselleiro e criticou a nacionalistas e socialistas: "Vostedes só saben de camisetas e pancartas", dixo. Outra vez a palabra "pancarta".

Remudas na Consellaría

O titular da carteira de Sanidade, que tomou posesión do cargo após as eleccións do 18 de febreiro, gabou o traballo desenvolvido nos anos anteriores polo equipo do seu antecesor, Julio García Comesaña, e defendeu que os cambios que fixo na cúpula do Sergas e de Sanidade procuraban só dar "un novo impulso ao feito ao longo destes anos".

"Vostede vén aquí a seguir as políticas do PP, non chega aquí como algo novo", criticou a nacionalista Montse Prado, que lle reprochou que tardara "cinco plenos e tres meses" en comparecer no pleno "cando a situación sa sanidade é unha das principais preocupacións dos galegos e das galegas". Espinosa apuntou a estes anos de "recortes" impulsados polo Goberno galego como explicación da "falta de médicos e pediatras", criticando que o conselleiro opte por botar "todas as culpas" ao Goberno do Estado.

E Prado lembrou que até o ano 2021 non se ofertaron desde a Xunta da Galiza todas as prazas de médicos e médicas de familia que tiña homologadas. "Abandone a autocompracencia: que vai facer no inmediato para solucionar o problema da sanidade pública?".

As intervencións das portavoces de sanidade da oposición na comparecencia foron un continuo recordatorio dos informes e estudos que nestes meses puñan o dedo na chaga da sanidade galega: das 1.431 persoas que na Galiza están en espera por unha primeira consulta de saúde mental na sanidade pública até as 1.400 camas hospitalarias que se eliminaron entre 2009 e 2022, pasando polos recortes orzamentarios —"só en Atención primaria foi de 2.300 millóns de euros entre 2009 e 2024", denunciou Montse Prado—.

O conselleiro botou man do 'comodín' do 18-F, algo que o PP meteu no seu argumentario parlamentario desde as últimas eleccións galegas: O Partido Popular gañou os comicios, así que, a cidadanía galega deu o visto e prace nas urnas á xestión sanitaria desenvolvida nestes anos. En intervencións na Cámara no que vai de Lexislatura—ben de conselleiros, ben de portavoces ou de deputados— o recurso a este argumento é habitual.

A deputada nacionalista instou Gómez Caamaño a "facer unha diagnose certeira [da situación sanitaria] e instouno a escoitar profesionais e usuarios da Atención Primaria. A Galiza é a segunda comunidade do Estado cun menor investimento sanitario, reiterou Elena Espinosa. O investimento sanitario por habitante na Galiza ficou en 1.817 euros no ano 2023, é dicir, 38 euros por baixo da media estatal, fixada en 1.855 euros por habitante. Só Andalucía dedica menos recursos a sanidade que a Galiza. O conselleiro, teimudo, insistiu na súa mensaxe: "Os galegos poden estar tranquilos".

O conselleiro ve "ben" unhas listas de espera que aumentan

As listas de espera tamén estiveron presentes no debate desta terza feira no pleno do Parlamento galego. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, afirmou a este respecto que a Galiza "está nunha boa situación". Puxo como exemplo que a lista de agarda por unha cirurxía era de 67 días, un prazo inferior á media estatal, que supera os 100 días de espera. BNG e PSdeG discordaron do discurso do conselleiro.

"Poña en marcha un plan de choque para reducir as listas de espera", pediu Elena Espinosa (PSdeG). "Traballe para que haxa transparencia nesas listas, e que non só se informe das estruturais", dixo Montse Prado (BNG) — a lista oficial non contempla as esperas "non estruturais", por exemplo, as persoas pendentes de cita ou asignación de data—.

O exemplo exposto polo conselleiro muda de atender ao contexto. Eses 67 días de media de espera para ser intervida unha persoa en cirurxía —a 31 de decembro de 2013— é 1 día máis que o que se agardaba de media en xuño dese ano. Eses tempos medios aumentaron para se operar en especialidades como uroloxía (12 máis), cirurxía xeral e de dixestivo (+6), xinecoloxía (+7), neurocirurxía (+6) ou oftalmoloxía, onde se pasou de agardar 58 días en xuño a 66 en decembro.

Comentarios