BNG acusa a PP de "rebentar" os estándares de habitabilidade na Galiza coa redución do tamaño das vivendas
A deputada do BNG, Alexandra Fernández, denuncia que o Goberno galego "pretende coar" cos orzamentos "unha gran contrarreforma en materia de vivenda que rebenta os estándares de calidade actuais para favorecer a especulación de promotores e investidores".
"Trátase dunha gran contrarreforma do PP para beneficiar que os inversores e promotores poidan gañar máis ofrecendo moito menos", critica Fernández, quen pon o foco na mudanza lexislativa impulsada desde o partido do Goberno.
Fernández considera que os denominados "aloxamentos compartidos" propostas desde o PP son "un novo mecanismo especulativo" que permitirá reducir o tamaño mínimo das vivendas dunha forma "absolutamente desproporcionada".
A nova normativa
A nova normativa en materia de vivenda defendida polo PP permitirá erguer pisos de 30 metros cadrados fronte aos 40 que se esixían até o de agora. Na mesma dirección, as vivendas dun dormitorio pasarán de ter un mínimo de 45 a 31 metros cadrados, fixándose, tamén, reducións de espazo para as vivendas de familias con crianzas".
"Se antes unha familia con fillos vivindo nunha vivenda de dúas habitacións tiña que dispor de, como mínimo, 56 metros cadrados co modelo de aloxamento compartido que quere impulsar o PP terían que apañarse con apenas 38 metros cadrados", apunta Fernández.
A parlamentaria nacionalista asegura que "esta é a proposta da Xunta de Galiza na que ante unha necesidade como é a vivenda, haxa inversores e promotores que gañen moitísimo máis construíndo cada vez peores vivendas, permitindo mini pisos que se ofrecen a calquera prezo e cunha soa praza de aparcamento cada cinco unidades habitacionais".
"O PP converteu esta idea nun produto inmobiliario perfecto para especuladores", apunta Fernández, quen considera "que vai normalizar que a xente teña que vivir en espazos cada vez máis achicados e a prezos imposíbeis".
500.000 vivendas baleiras
Fernández denuncia que "non entendemos que nun país con medio millón de vivendas baleiras, 90.000 só nas cidades, a Xunta de Galiza non mire cara arriba, cara a todos os pisos baleiros e que diga que o único que vai facer é adquirir baixos comerciais para ofrecelos como parque público".