O BNG de Vigo defende “declarar a guerra á especulación” dos pisos turísticos

A fronte nacionalista critica a “regulación moi laxa e a falla de controis efectivos” no proxecto do Goberno de Abel Caballero: “Non protexe o dereito á vivenda fronte á presión turística”.

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo. (Foto: Nós Diario)
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar 11 emendas ao proxecto de ordenanza municipal para regular as vivendas de uso turístico (VUT) en Vigo. A fronte nacionalista defende endurecer as condicións para “declarar a guerra á especulación” en lugar do texto aprobado polo Goberno de Abel Caballero, que o BNG tacha de “simulación” por non protexer o dereito á vivenda.

O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, lembrou que o BNG” leva anos exixindo que o Concello de Vigo poña freo á proliferación das VUT” - medraron en máis de 2.000 nos últimos tres anos- polo seu “impacto directo e grave” sobre os prezos da vivenda e na redución dos inmóbeis dispoñíbeis. “Hai xa 5 pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro residencial na nosa cidade”, alertou.

Igrexas criticou o proxecto de ordenanza municipal presentado polo Goberno local por contar cunha regulación “moi laxa”, por detrás das medidas aplicadas en cidades como na Coruña e Santiago, e por carecer de controis efectivos para limitar o aumento de pisos turísticos. “É un texto frouxo, cheo de vanas declaracións de intencións, pero sen ferramentas reais para intervir nin medidas concretas mentres o problema segue medrando”, valorou.

Dende o Bloque veñen de rexistrar, por este motivo, unha batería de 11 emendas cunha “idea central”: que a ordenanza protexa o dereito social á vivenda e evite a saturación turística. Unha cuestión que piden incorporar no obxecto da norma, “para que non haxa dúbidas”, nun contexto que cualifican de “emerxencia habitacional” con miles de familias traballadoras e mocidade que non se poden permitir alugueiros por riba dos 700 euros mensuais, o prezo medio na cidade.

“Vigo necesita unha ordenanza valente, útil e xuridicamente sólida, que nos coloque á cabeza das cidades galegas e do conxunto do Estado na restrición das vivendas de uso turístico”, destacou Igrexas. “Se o rendismo especulativo declarou a guerra ao dereito social á vivenda, o BNG defendemos que o Concello declare a guerra aos pisos turísticos despregando con toda a contundencia todos os medios legais para frealos”, enfatizou.

Comentarios