O BNG urxe a Xunta e a Deputación de Ourense a pór en marcha o transporte metropolitano

Puga insistiu na "urxencia" da posta en marcha das liñas de transporte urbano ante a aprobación en Ourense das zonas de baixas emisións polas que "moita xente non poderá acceder á cidade".
Xosé Manuel Puga e Iago Tabarés, esta segunda feira 20 de outubro. (Foto: Nós Diario)
Xosé Manuel Puga e Iago Tabarés, esta segunda feira 20 de outubro. (Foto: Nós Diario)

O BNG urxiu a Xunta da Galiza e a Deputación de Ourense a pór en marcha o transporte metropolitano da provincia "despois de máis dunha década e media de anuncios e promesas incumpridas" e acusou á Deputación e ao Concello de Ourense de "botar balóns fóra".

Así o trasladaron o deputado do BNG no Parlamento galego Iago Tabarés e o representante do BNG na Deputación de Ourense Xosé Manuel Puga, nunha rolda de prensa decorrida esta segunda feira no intercambiador da Alameda en Ourense.

Nesta liña, Tabarés insistiu en que a Xunta "leva meses sen cumprir compromisos" para realizar un estudo de afectación e unha negociación coas concesionarias xerando unha situación "inasumíbel para o medio ambiente, a cidadanía e o acceso aos servizos públicos".

Así mesmo, Puga lembrou que en 2015 o PP "xa anunciara a posta en marcha do transporte metropolitano" e avanzou que o grupo nacionalista da Deputación presentará un escrito esta cuarta feira para abordar esta cuestión nas comisións informativas da institución.

A continuación, Puga insistiu na "urxencia" da posta en marcha das liñas de transporte urbano ante a aprobación en Ourense das zonas de baixas emisións polas que "moita xente non poderá acceder á cidade" en coche.

Comentarios