O BNG urxe o Goberno da Coruña a cancelar o concerto de Diego 'El Cigala', condenado por violencia machista
O BNG vén de instar o Executivo municipal da Coruña, que lidera Inés Rei, a realizar as xestións necesarias para cancelar a actuación do cantante Diego 'El Cigala', prevista para o vindeiro 20 de xullo no parque de Santa Margarida, no marco do festival Son do Nordés, un programa que conta coa colaboración do Concello.
Sobre Diego El Cigala pesa neste momento unha condena a dous anos e un mes de cárcere, ditada en primeira instancia e confirmada o pasado 30 de xuño pola Audiencia Provincial de Cádiz, por malos tratos cometidos sobre a súa ex parella sentimental.
A concelleira do BNG Mercedes Queixas rexistrou un rogo oral, para a súa lectura no Pleno ordinario do mes de xullo, que decorrerá a sexta feira 11 de xullo, para que o Goberno local actúe neste sentido. Lembra, ademais, que outros concellos como Elx, Murcia ou Xixón xa deron pasos para cancelar actuacións deste artista tras coñecerse a sentenza firme.
Na exposición de motivos, Queixas subliña que "a violencia de xénero precisa unha fronte común, social, lexislativa, económica, xornalística, pedagóxica e política". Por iso, incide en que o Executivo da socialista Inés Rei "non pode mirar para outro lado e amparar na súa programación un artista ao que se lle acaba de confirmar unha sentenza por violencia de xénero que o condena a dous anos e un mes de cárcere".
"O Goberno de Inés Rei ten que liderar unha resposta institucional firme, contundente e coherente, en defensa dos dereitos das mulleres e en contra da violencia machista", remarca a edil do BNG.
"Os recorrentes minutos de silencio por cada muller asasinada teñen que se converter agora nunha clamorosa voz que arrombe a violencia machista dunha sociedade igualitaria, porque só con decisións valentes podemos evitar novas vítimas", conclúe Queixas.