O BNG transmite a súa solidariedade ás encausadas na ‘Operación Jaro’

Imaxe da xuntanza

A formación nacionalista demanda “non criminalizar o independentismo” e as imputadas piden que desde as institucións onde o BNG ten presenza denuncie o proceso impulsado pola Audiencia Nacional. 

Unha delegación das 12 independentistas encausadas na Operación Jaro reuniuse con representantes da Executiva do BNG para informarlles de primeira man da situación do proceso que a Audiencia Nacional ten aberto contra eles e que contempla peticións de máis de 100 anos de cárcere.

Desde o Bloque informouse que na xuntanza, mantida en Compostela, “ expresamos a solidariedade do BNG coas 12 persoas militantes desta organización e de Ceivar, procesados pola ‘Audiencia Nacional’”, para alén de incidir en que “a defensa da soberanía non é delito” e a oposición á “criminalización do independentismo”.

Causa Galiza, pola súa parte, indicou que transmitiron ao BNG a petición de que a través da súa presenza nas diferentes institución denuncie este proceso e o perigo de “hipotéticas ilegalizacións” de Causa Galiza e Ceivar. Tamén comunicaron formalmente ás nacionalistas a data do vindeiro 16 de febreiro para a realización dunha manifestación nacional en Compostela contra este proceso represivo.

Condenas

A Fiscalía da Audiencia Nacional solicita penas de entre 6 e 12 anos de cárcere para as 12 independentistas, baixo unha acusación (“banda criminosa”) que levaría a disolución de Causa Galiza e Ceivar. As procesadas apelan a colectivos e organizacións sociais, políticas e sindicais a “tomar parte” na denuncia do proceso.