BNG e Terra Galega abordaron a necesidade dunha candidatura galega de unidade

Ambas as dúas formacións coinciden na necesidade de que Galiza esté representada nas Cortes.

encontro-bng-tg

Delegacións do BNG e de Terra Galega analizaron esta cuarta feira nunha xuntanza en Narón a posibilidade de crear espazos de confluencia que fagan posíbel “sumar vontades cara a unha candidatura galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais”.

Nun comunicado conxunto, ambas as dúas formacións sinalan que nesta primeira toma de contacto ficou de manifesto “as coincidencias na análise da situación política de Galiza e tamén na necesidade de que o país teña presenza de seu nas Cortes do Estado na vindeira lexislatura a través dun grupo parlamentar que colme as aspiracións democráticas do pobo galego”. Os representantes de BNG e TG coincidiron tamén na importancia de ir dando pasos cara á “configuración da candidatura galega de unidade”.

A delegación do BNG estaba formada polo secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira; a responsábel comarcal da organización, Mercedes Tobío, e o portavoz municipal neste concello, Pablo Villamar, e a de TG polo secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, e o alcalde da cidade, José Manuel Blanco

Terra Galega, organización fundada en 2005, ten implantación en máis dunha ducia de corporacións municipais galegas e ostenta a Alcaldía de Coristanco e da oitava cidade de Galiza, Narón. Ademais, ten concelleiros nunha trintena de concellos do país e forma parte do grupo de goberno en Santa Comba e Pontecesures

Comentarios