O BNG tacha de "maquillaxe política" unha moratoria que abre a porta ao monocultivo de eucalipto
Montse Valcárcel critica o Goberno do PP por incentivar o cultivo de eucalipto e recuperar o bosque autóctono
A deputada e responsábel de Montes e Industrias Forestais do BNG, Montse Valcárcel, asegura que a prórroga da moratoria do eucalipto anunciada pola Xunta da Galiza até 2030 "non é unha solución real, senón un simple exercicio de maquillaxe política". Para a deputada nacionalista, o anuncio feito esta semana polo Goberno de Rueda é "un apaño cheo de excepcións" que, na práctica, "abre a porta ao avance do monocultivo de eucalipto no noso país".
Valcárcel denunciou que esta especie segue medrando "sen control" mentres a Xunta non fai públicos os datos reais de superficie e as sancións impostas representan unha mínima parte das infraccións detectadas. O problema de fondo, afirma, é que o Goberno galego, en lugar de apoiar os propietarios de piñeirais para combater as pragas e recuperar as masas autóctonas, está impulsando e incentivando a substitución do piñeiro polo eucalipto. "Así, paseniño, Galiza vai quedando sen piñeiro, sen biodiversidade e sen alternativas para o rural", lamentou.
A nacionalista lembrou ademais que este ano arderon na Galiza máis hectáreas ca nunca desde que hai rexistros, e alertou das consecuencias de ter grandes extensións de eucaliptos. "Sabemos o que pasa cando o lume se achega aos grandes eucaliptais: o risco e o dano multiplícanse para o medio e para as persoas", subliñou.
Fronte ao risco de "colonización do noso territorio" que representa a "pseudomoratoria" aprobada pola Xunta, o BNG esixe á Administración galega partidas reais, cuantificadas e suficientes para restaurar o bosque autóctono, apoiar a diversificación forestal e frear de verdade o monocultivo. "O que está en xogo non é só a masa forestal: é o futuro das aldeas, da economía do rural e da identidade de Galiza. Defender o monte galego é defender Galiza", concluíu Valcárcel.
Cinco anos máis
Malia a estender a moratoria até 2030, a Xunta permitirá replantar eucaliptos en parcelas de piñeiros afectados pola praga da banda marrón –un fungo que afecta esta especie arbórea–, podendo reforestarse estas áreas con 50% de eucalipto e 50% de piñeiro e frondosas. Ademias, tamén permitirá novas plantacións para substituír as xa existentes, permitindo que 75% da capacidade da parcela se destine á plantación do eucalipto e o 25% restante se transforme en coníferas ou frondosas.
