O BNG súmase á moción de censura contra Ursula von der Leyen, "a señora da guerra"

"Porque é servil aos Estados Unidos e porque está sendo cómplice co xenocidio de Israel en Gaza", explica Ana Miranda, eurodeputada da formación nacionalista.
Os eurodeputados da ALE Vicent Marzà e Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)
Os eurodeputados da ALE Vicent Marzà e Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, anunciou esta quinta feira que o BNG vén de sumarse á moción de censura contra a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, presentada polo grupo da esquerda europea e por eurodeputadas e eurodeputados de diferentes pobos europeos, e que será debatida no vindeiro mes de outubro.

"Por que unha moción de censura contra Von der Leyen? Porque é a señora da guerra, porque é servil aos Estados Unidos e porque está sendo cómplice co xenocidio de Israel en Gaza", explica Ana Miranda, quen indica ademais que as dúas eurodeputadas e o eurodeputado da Alianza Libre Europea se sumaron a esta iniciativa.

"Sumámonos porque non queremos que no noso nome se siga amparando un xenocidio, o servilismo cos EUA e políticas armamentísticas que van en contra de pobos europeos como é Galiza", salienta a eurodeputada do BNG. Neste sentido criticou que se condicionen os fondos de cohesión a prioridades militaristas fronte a resolución de problemas como o acceso a vivenda ou a precariedade laboral.

A ruptura parcial das relacións comerciais con Israel, "insuficiente"

A respecto da resolución aprobada esta quinta feira no pleno da Eurocámara facendo un chamamento á UE a tomar partido no xenocidio que Israel está cometendo en Gaza, Ana Miranda considera que "non é suficiente e hai que seguir dando pasos", porque con máis de 60.000 persoas asasinadas estes "pequenos avances chegan tarde".

A eurodeputada galega considera que este documento é insuficiente precisamente porque o texto non recoñece que Israel estea cometendo un xenocidio en Gaza. Ademais, o BNG reclama a suspensión total do Acordo de Asociación UE-Israel e a suspensión de todos os acordos económicos, así como a prohibición de comercio cós territorios ocupados e a importación de produtos, especialmente agrícolas, producidos nos territorios ocupados e a prohibición das seleccións deportivas israelís que participan nas probas deportivas. Para o BNG, o deporte non pode ser unha ferramenta para o branqueo do réxime xenocida de Israel.

"Igual que no BNG consideramos que a posición da presidenta da Comisión Europea chega tarde, a relatora especial para Palestina, Francesca Albanese, tamén sinala que o pronunciamento de Von der Leyen é insuficiente e apunta que o dereito internacional non se pode aceptar 'a medias'", conclúe Ana Miranda.