O BNG solicita medidas da Xunta diante do centenar de contaxios na residencia de maiores DomusVi Bembrive

A fronte nacionalista reclama no Parlamento galego garantías de que o gromo non está a supoñer un deterioro na atención e nos coidados das persoas usuarias.

Xabier P. Iglesias e Alexandra Fernández en rolda de prensa.
photo_camera Xabier P. Iglesias e Alexandra Fernández en rolda de prensa.

O Bloque Nacionalista Galego solicita medidas da Xunta para enfrontar o gromo con máis dun centenar de contaxios na residencia de maiores DomusVi Bembrive en Vigo. A fronte nacionalista vén de formular no Parlamento galego unha batería de preguntas para que a Xunta aclare a situación actual e explique que accións está a levar a cabo para garantir que o gromo non está a supoñer unha deterioración na atención e coidados das persoas usuarias, tal como demandan as familias.

Fernández alertou que o gromo, que afecta a un 70% das persoas usuarias, pode provocar "numerosas dificultades no funcionamento do centro",

"A Consellaría de Política Social debe facer un maior esforzo por manter as familias informadas nesta situación excepcional. A elevada porcentaxe de persoas infectadas, tanto entre as persoas usuarias como entre o persoal, xera unha preocupación lóxica", instou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, que lamentou a falta de transparencia da Xunta.

Fernández alertou que o gromo, que afecta a un 70% das persoas usuarias, pode provocar "numerosas dificultades no funcionamento do centro", como a loxística para illar ás contaxiadas ou a afectación sobre o persoal, con 13 traballadores e traballadoras positivos. Dificultades que, temen desde os colectivos de familiares e persoas usuarias, poidan estar minguando a calidade asistencial dos e das maiores.

Reiterada inacción

As nacionalistas critican tamén a "reiterada e continuada inacción" da Xunta de Galiza para reforzar as medidas preventivas e garantías sanitarias nas residencias de maiores. Neste sentido, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou que "a Xunta do PP parece non ter aprendido nada da pandemia". "Na primeira vaga vimos como o coronavirus golpeaba de maneira moi dura as residencias e o Goberno galego tardou en actuar, en grande medida para non prexudicar as empresas amigas do PP no sector como DomusVi. E durante todo este tempo insistiron en abandonar á súa sorte ás persoas residentes e as familias", reprochou.

Igrexas cargou con dureza contra o silencio e falla de resposta da Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, perante os gromos rexistrados en diferentes residencias. "Era ben que a señora Fernández-Tapias fixese un oco na súa intensa axenda de embaixadora de Feixoo en Vigo para atender as demandas das persoas residentes, das súas familias, e tamén as denuncias sindicais sobre a necesidade de máis medios nas residencias de maiores da nosa cidade, tanto nas públicas como, sobre todo, nas privadas", exixiu o portavoz municipal nacionalista.

Comentarios